Cerdedo-Cotobade inviste 150.000 euros no vial que une Tenorio e Viascón

2020091817565852453
photo_camera O tramo final das obras contará con un investimento de 100.000 euros. DP

O Concello de Cerdedo-Cotobade aborda estes días a reforma e mellora da conexión interior entre as parroquias de Viascón e Tenorio a través da pista de Cabanelas cara ó lugar da Costa. Trátase da execución da segunda fase dun plan de mellora de condicións viarias e de seguridade que afecta a 1,9 quilómetros de estrada interior entre dúas das parroquias máis populosas do Concello fusionado e que, ademais, serve para evitar o uso da N-551 nos traxectos entre estes dous puntos.

O Concello inviste, sumando as dúas fases necesarias para esta obra, uns 150.000 euros financiados co Plan Autonómico de Mellora de Camiños Municipais.

O proxecto, ademais de mellorar a conectividade entre estas dúas parroquias (facilitando o transporte interior do concello a uns 1.600 habitantes das dúas zonas), tamén serve para garantir o acceso a decenas de parcelas de uso agrícola e gandeiro na franxa interior do municipio.

Na primeira fase, que foi rematada a comezos do presente ano, destináronse case 50.000 euros para a renovación do firme dun treito de 855 metros, cunha anchura de entre 4 e 4,5 metros, así como limpeza de gabias e a regularización da plataforma coa supresión dos foxos.

Na segunda parte, que quedará completa nos vindeiros días e que conta cun orzamento de 100.000 euros, sufrirán unha transformación semellante os 1.105 metros de vial restantes.

A mellora deste ramal "era unha prioridade e unha necesidade, xa que o vial estaba en moi mal estado e trátase dunha arteria estratéxica para a mobilidade do noso concello, alternativa á estrada nacional, posto que une dúas parroquias moi poboadas", sinalou o rexedor, Jorge Cubela, nunha visita recente ás obras para comprobar o estado de execución das mesmas, moi avanzado polo bo tempo deste verán.

Comentarios