Cerdedo-Cotobade licitará por 300.000 euros a mellora da carballeira de San Xusto

O Concello conta cun proxecto que humaniza e suaviza os bordes do vial de asfalto e unifica o entorno co dos baños termais
Cubela
photo_camera O alcalde, na presentación da intervención. D. P.

O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de abrir o prazo para a licitación pública do acondicionamento paisaxístico do entorno e accesos da Carballeira de San Xusto no que se investirán casi 300.000 euros.

Estas obras están incluídas dentro do Pacto pola Paisaxe, primeiro que se asina en Galicia e que ten como protagonistas ás zonas próximas aos meandros do río Lérez. Do total do custe das mesmas, a Xunta asumirá o 70% mentras que o Concello farase cargo do outro 30% restante co fin de que se poida levar a cabo do mellor maneira posible.

Segundo manifestou Jorge Cubela, esta actuación enmárcase dentro dun ambicioso proxecto medioambiental que pretende converter este entorno nun punto de atracción turística no que converxen a beleza dos meandros do río Lérez, os Baños do San Xusto, a capela, a Carballeira e as distintas estacións de arte rupestre.

O alcalde destaca a aposta por dignificar este espazo natural tan querido polos veciños


A actuación levarase a cabo en terreos de propiedade municipal e pretende suavizar o impacto da estrada e do pavimento asfáltico existente sobre o entorno natural favorecendo os accesos a todo este espazo. "Queremos dignificar a entrada e facer un espazo continuo recuperar a unidade que representaba a fonte, a capela e a propia carballeira ao tempo que facemos un merendeiro, miradoiros sobre os meandros e reinterpretamos todo de novo coa colocación dun adoquinado e pedra que lle dará unha continuidade da que agora carece", indicou Cubela.

O alcalde agradeceu tamén a implicación activa dos veciños da parroquia no modelo a desenvolver para esta zona que foi defendida polos veciños da pretendida usurpación do terreo por parte da igrexa nos anos 90 e que, por tanto, é sentida como un espazo veciñal. "Remitiuse unha enquisa e máis de 50 casas aportaron o seu punto de vista", sinalou Cubela.

A obra a acometer será totalmente respectuosa co entorno e co concepto definitorio do lugar así incorporaranse novas árbores que serán frondosas autóctonas, levaranse a cabo labores de roza para despexar a vista de especies invasoras e pirófitas e se acometerá a realización dun murete de pedra arredor da capela que servirá tamén de banco para uso da xente. Cubela salientou tamén a importancia de incorporar un merendeiro e miradoiros para poder contemplar os meandros do río Lérez así como a dotación de iluminación led así como a instalación de mesas e bancos.

As empresas interesadas nesta licitación teñen ata o 10 de outubro para presentar ofertas.

Comentarios