Cerdedo-Cotobade ofrecerá 240 prazas nas ludotecas de verán

As actividades, para cativos de 4 a 12 anos de idade, desenvolveranse en tres localidades: Tenorio, Carballedo e Cerdedo

Concilia Verán CERCO
photo_camera As actividades de Concilia Verán ofrecidas en Cerdedo-Cotobade o pasado verán. D. P.

O alcalde do Concello de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, presentou unha nova edición do programa 'Concilia Verán 2024', que se desenvolverá a través da posta en marcha de tres ludotecas, en Carballedo, Tenorio e Cerdedo, en xullo e agosto e para nenos e nenas con idades comprendidas entre os 4 e os 12 anos.

Este ano manterase o esquema de actividades que se viñan prestando con tres ludotecas en Carballedo, Tenorio e Cerdedo entre xullo e agosto que terán as súas prazas limitadas e cun prezo por neno e mes de 40 euros.

O obxectivo desta edición é poder atender a máis de 240 rapaces, promovendo a súa formación e lecer e facilitando a vida laboral dos seus pais.

Así, as tres ludotecas, que están orientadas a rapaces de 4 a 12 anos, teñen aberto o seu prazo de matrícula ata o 17 de xuño e terán un custo por participantes de 40 euros, xa que o Concello asume o resto do custe total desta actividade. Na inclusión nas ludotecas darase prioridade aos rapaces empadroados. A matrícula pode formalizarse nas instalacións da Omix de Carballedo ou no Departamento de Servizos Sociais da sede administrativa de Cerdedo, realizándose por orde de chegada.

As ludotecas de Cotobade desenvolveranse os meses de xullo e agosto, de luns a venres, entre as 9.00 e as 14.00 horas e terán lugar no edificio multiusos de Carballedo e no CEIP de Tenorio, mentres que a de Cerdedo será no pavillón municipal e contará co mesmo horario.

Na súa programación mestúranse actividades lúdicas e educativas que pretenden impulsar os xogos, a creatividade, o deporte, o reforzo do uso da lingua galega e inglesa, o traballo colaborativo e en grupo, a educación en valores e os hábitos saudables.

A proposta para os nenos e nenas participantes incluirá xogos novos e tradicionais, competicións, actividades interactivas e psicomotrices, obradoiros, animación á lectura, xogos de pistas, saídas e roteiros pola contorna para coñecer e poñer en valor a natureza e o patrimonio etnográfico, a procura do tresouro, festa da auga, obradoiros de cociña, pintura, barro, experimentos, papiroflexia, maquillaxes, contacontos, teatriños, etc.

Comentarios