Cerdedo-Cotobade pon a punto varios camiños rurais

​A Xunta achegará 103.930 euros para esta actuación

Dirixentes municipais e autonómicos pasando revista a un vial. CEDIDA (Cerdedo-Cotobade)
photo_camera Dirixentes municipais e autonómicos pasando revista a un vial. CEDIDA

A Consellería de Medio Rural destinará 103.930 euros á mellora de camiños rurais no concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade. Estes fondos permitirán arranxar os accesos aos lugares de Arrotea, na parroquia de Almofrei, e Limeres, na de Cerdedo. Os traballos inclúen tanto o movemento de terras como o levantamento de muros e contencións, así como a mellora da capa de rodaxe.

O director xeral de Desenvolvemento Rural, Miguel Pérez Dubois; o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde da localidade, Jorge Cubela, visitaron a pasada semana a zona da intervención, que se inclúe dentro do Plan Marco de mellora de camiños da Consellería do Medio Rural. Ambos destacaron a importancia que ten a posta en valor destas vías de comunicación para mellorar a mobilidade dos veciños e facilitar as tarefas no campo, así como para incentivar o movemento das producións agrogandeiras e a súa saída cara os diferentes mercados.

Cabe lembrar que a Consellería do Medio Rural destina arredor de 16 millóns de euros ao Plan Marco na bianualidade 2018/2019, cantidade idéntica á achegada en anos anteriores e á que está previsto investir para o período 2019/2020. Precisamente a próxima convocatoria publicarase en vindeiras datas no Diario Oficial de Galicia.

Así, o reparto destes fondos entre todos os concellos galegos faise de acordo coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) e consonte a criterios baseados "en indicadores obxectivos", sinala a Xunta.

Comentarios