Cerdedo-Cotobade presenta 24 alegacións contra o parque eólico de Porto Vidros

Os voceiros do PSdeG-PSOE e BNG respaldaron a postura de Cubela de xeito unánime
Os voceiros dos tres grupos con representación na Corporación. DP
photo_camera Os voceiros dos tres grupos con representación na Corporación. DP

Unha suma de 24 alegacións foron as presentadas polo Goberno local de Cerdedo-Cotobade na derradeira xornada deste venres contra o parque eólico de Porto Vidros, que na actualidade se atopa en fase de información pública, despois de que o Executivo local se reunira con máis de 50 veciños e comuneiros o pasado día 15. As alegacións da Administración dirixida por Jorge Cubela, que recentemente se posicionou en contra do desembarco das eólicas no municipio, foron respaldadas polos grupos do PSdeG-PSOE e do BNG de xeito unánime, cuxos representantes, José Antonio Pazos e Ernesto Filgueira, deronconta onte do documento xunto a Cubela.

Os técnicos municipais e a empresa Tysga, especializada na defensa medioambiental, foron os encargados de redactar as 24 alegacións que se incluíron no documento interposto pola adminstración local ante a Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais, dependente da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, organismo encargado de tramitar este expediente.

Tal e como explicaron dende o Goberno local, esta actuación conxunta ten como obxectivo visibilizar os "defectos e problemas que presenta o deseño actual do proxecto eólico". Neste sentido, as alegacións salientan que o parque eólico de Porto Vidros contempla unha dependencia do de Campo das Rosas, polo que se poderían atopar ante unha "fragmentación intencionada do proxecto", para evitar un maior control medioambiental que valore o seu impacto en conxunto.

Por outra banda, nove dos apoios da liña de media tensión atópanse afectados polo Plan Sectorial Hidroeléctrico das Concas Hidrográficas de Galicia-Costa, concretamente no ámbito codificado como OT-01-28, referidas ao río Lérez. Ademais, consideran que a liña de evacuación implicaría afección á rede hidrográfica cunha afección directa sobre a flora e a fauna ripícola asociada, ao verse afectada pola zona de servidume do tendido de media tensión e pola localización de varios apoios da mesma dentro das zonas de influencia de varios ríos.

As alegacións tamén salientan o impacto na avifauna, que consideran "crítico", xa que o ámbito do estudo pode albergar presenza de innumerables especies de aves en época reprodutora, algunhas delas ameazadas. Neste sentido, aseguran, evidénciase a falla dun estudo en profundidade das aves necrófagas como os voitres e alimoches, en vías de extinción. O proxecto tamén actuaría de xeito severo fronte aos quirópteros (morcegos) e contra a biodiversidade e o patrimonio natural, sen ter en conta aspectos relacionados co cambio climático.

IMPACTO ACÚSTICO. As alegacións do Concello inciden na ausencia dun estudo sobre o impacto acústico da actividade dos eólicos sobre o gando salvaxe presente na zona, un sinal identitario do concello de Cerdedo-Cotobade, así como que o proxecto prevé actuar sobre montes veciñais sen ter en conta a necesidade de xustificar un expediente expropiatorio, e os usos compatibles das utilidades do terreo con actividades de uso agrogandeiro. E non só. O impacto e integración paisaxística presenta "graves defectos na metodoloxía", minimizando o seu impacto visual e mesmo o seu atractivo turístico como os miradoiros e a incidencia sensorial do proxecto, sen ter en conta as directrices da paisaxe (DOG 1 de febreiro de 2021).

De feito, unha das alegacións vai da man dos traballos de campo realizados recentemente, que permitiu descubrir elementos patrimoniais non inventariados aínda, que "deberían ser preservados das actuacións do parque eólico" e que non se recollen no seu estudo. En concreto, varios petróglifos descubertos e novos gravados rupestres.

Análise do impacto turístico
Segundo o Concello, o estudo de afección ao turismo "non analiza axeitadamente" a incidencia no sector local nin "establece medidas" para minimizar o impacto, especialmente no núcleo rural de Pedre, o máis exposto e o que concentra máis servizos hosteleiros.
Salientaron a necesidade de establecer unha reposición de masas forestais e reposición de valados danados.

Comentarios