Cerdedo-Cotobade reparará no Pleno a memoria de Francisco Varela

Despois de que o Goberno de España anulara a súa condena a morte polo franquismo, a Alcaldía solicita este acto a instancias da familia

Francisco Varela Garrido. ARCHIVO FAMILIAR
photo_camera Francisco Varela Garrido. ARCHIVO FAMILIAR

A sesión plenaria desta mañá en Cerdedo-Cotobade servirá para votar a reparación da memoria do exsecretario e xuíz municipal Francisco Varela, ao cal lle foi retirada a condena inxusta imposta por un tribunal do franquismo antes de ser executado en Pontevedra, en abril de 1937 por suposto delicto de rebelión militar.

Este punto chega despois de que a familia de Francisco Varela conseguira, o 12 de febreiro deste ano, que o Goberno de España, a través do Ministerio de Política Territorial e Memoria Democrática, declarara "ilegal e ilegítimo el tribunal que juzgó a D. Francisco Varela Garrido, así como los jurados y cualesquiera otros órganos penales o administrativos que, a partir del Golpe de Estado de 1936, se hubieran constituido para imponerle, por motivos políticos, ideológicos, de conciencia o creencia religiosa, condenas o sanciones de carácter personal, así como la ilegitimidad y nulidad de sus resoluciones".

O documento, asinado polo ministro Ángel Víctor Pérez Torres, di que "se declaran ilegítimas y nulas las condenas, sanciones o resoluciones dictadas contra D. Francisco Varela Garrido, tanto judiciales como administrativas, producidas por razones políticas, ideológicas, de conciencia o de creencia religiosa, durante la guerra o durante la dictadura", e apunta o dereito "al reconocimiento y a obtener la reparación moral y la recuperación de su memoria personal, familiar y colectiva".

Varela Garrido foi membro da Sociedade de Agricultores de Cerdedo e correspondente do xornal vigués El Pueblo Gallego. Adscrito, de primeiras, ao PSOE, integrouse posteriormente na Izquierda Republicana. Durante a República, exerceu o cargo de xuíz municipal (1931-set. 1933) e en 1936 ostentaba a Secretaría do Concello.

Comentarios