Cesan os dous concelleiros do BNG de Ponte Caldelas

Sol Seoane e Xabier Lourenzo ocuparán os seus postos na corporación municipal
Jorge Vilariño, Lito Muíños, Xabier Lourenzo, Sol Seoane e Manuel Barreiro. DP
photo_camera Jorge Vilariño, Lito Muíños, Xabier Lourenzo, Sol Seoane e Manuel Barreiro. DP

Lito Muíños e Manuel Barreiro deixarán os seus postos na corporación municipal de Ponte Caldelas no vindeiro pleno. Serán substituídos por Xabier Lourenzo e Sol Seoane Ventín, quen asume dende agora a portavocía do BNG.

Os actuais concelleiros matizan nun comunicado que non abandonarán a vida política activa porque son militantes do Bloque que están "vivindo con moitísima emoción esta etapa tan ilusionante do nacionalismo encabezado por Ana Pontón". Ambos os dous fixeron referencia á necesidade de renovar o equipo do BNG con persoas que teñen un importante coñecemento do Concello e ampla experiencia no traballo social.

"Vén un equipo para o Concello que coñece Caldelas como a palma da man, que ten experiencia na política municipal e, por se fose pouco, que vai sobrado de gañas e ilusión", afirmou Manuel  Barreiro. 

Sol Seoane Ventín será a voceira municipal do BNG. Despois de agradecer o traballo desenvolvido polos  dous concelleiros durante estes anos, fixou como primeiro obxectivo político a defensa dunha sanidade pública de calidade: "Os nosos primeiros traballos van estar centrados na loita por unha atención primaria pública da máxima calidade sen os recortes que nos quere impor Feijoo. Non imos pasar por menos". 

Xabier Lourenzo tamén manifestou o seu agradecemento aos concelleiros saíntes e destacou que o BNG está nun momento con moitísima forza no país e "Ponte Caldelas no pode ser menos, non imos quedar atrás no cambio que Galiza precisa".

Sol Seoane Ventín é presidenta da Comunidade de Montes de Raña,  Aluncia (Baltar) e tamén presidenta da Comunidade de Augas de Baltar. Concurriu como número tres nas eleccións.

Xabier Lourenzo é presidente da Comunidade de Montes de Taboadelo e ocupou o número oito da candidatura. Sen embargo, ten experiencia como concelleiro, xa que ocupou un escano durante dous mandatos consecutivos na etapa de Perfecto Rodríguez.

Comentarios