César Poza: "O BNG decidiu marchar do Goberno sen sequera escoitarme a min"

O socialista César Poza aborda os seus proxectos de futuro para Vilaboa, que van dende unha solución definitiva para o Plan Xeral de Ordenación ata a explotación do Camiño de Santiago, nun inicio de etapa na que volve á primeira liña en plena ruptura do bipartito
César Poza. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera César Poza estrou onte o seu novo despacho da alcaldía. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

No seu primeiro día como alcalde de Vilaboa, César Poza non tivo descanso. Inaugurou a xornada de onte cunha reunión coa concelleira de Educación para abordar desde o minuto cero o "inicio do curso escolar", o reto máis inminente co que estrea unha Alcaldía do PSdeG en solitario, tras a recente saída do grupo municipal do BNG do Goberno local.

Que supón para vostede asumir a Alcaldía nestes momentos?

— É un reto. A situación que estamos vivindo implica un esforzo máis se cabe na tarefa de ser alcalde. E tamén é un orgullo. Eu sempre dixen que non hai nada máis bonito que ser alcalde do teu pobo, para min é o máximo ao que podo chegar na política. A miña maior aspiración era poder ser alcalde do meu pobo algún día, cando estaba de concelleiro sempre foi algo que me gustaba e ségueme gustando.

Chega para quedar?

— Unha das razóns polas que contaron conmigo os compañeiros é porque vían en min un proxecto de futuro. De todos os xeitos, o tempo que eu sexa alcalde vano decidir os veciños, e estarei o que eles estimen que deba estar.

Deu a entender no Pleno de investidura que ser «un tipo normal» é a súa máxima...

— Aspiro a ser unha persoa normal e saír de aquí coa cabeza alta, que eu poida mirar á xente aos ollos sen ningún tipo de problema, sexa dentro de tres anos ou de 20. Iso seino dende a experiencia que vivín con Luis Poceiro, pola súa maneira de ser coa xente. Por moi alcalde que sexas, non eres nin máis nin menos que ninguén.

Comeza un Goberno en solitario tras a marcha abrupta do BNG. Dende o PSdeG, como afrontan esta situación?

— A situación é singular, e si que foi abrupta a saída do Goberno do BNG. Non comparto a maioría dos motivos que eles dan para saír do Goberno pero evidentemente a situación é excepcional, porque ser elixido alcalde tamén foi algo dun día para outro. Entón, se cabe, é un maior reto e unha maior motivación. O esforzo é o dobre, pero tamén o será a motivación.

O PSdeG presentía esta reacción do BNG a causa da súa elección como alcalde?

— Persoalmente eu esperaba que polo menos me deran o beneficio da dúbida, que falaramos. Eles tomaron a decisión de marchar de xeito unilateral, sen sequera escoitarme a min. A oposición fala de "estafa á cidadanía" e dunha confianza rota... Creo que "estafa" é unha palabra bastante grosa. Agora non é momento de facer políticas que non están á altura, senon de sumar e de estar xuntos. Eu creo que estou lexitimado, porque a lei así o ampara, xa que eu ía nas listas, pero tamén me sinto lexitimado porque unha vez que o número 1 non está, por motivos persoais, e creo que dende o BNG tamén foron moi inxustos con Kiko cando se foi, os compañeiros deben decidir cal é a persoa que reúne as mellores condicións para suplilo. Non só a nivel de méritos, senon que tamén hai que valorar o feito de que isto non pode ser a curto prazo. Non podemos ter o mesmo problema dentro dun ano ou dentro de tres. Isto é un proxecto de futuro, non un "correlista". As miñas portas estarán abertas para cando o BNG queira vir falar. Pola miña parte e pola do meu grupo, aparte das fricións que poida haber de anos de Goberno de coalición, non hai ningún tipo de problema mentres haxa respeto. 

O Plan Xeral de Ordenación está á beira de cumprir 20 anos dende o inicio da súa redacción. Que expectativas hai para el?

— A miña máxima ambición é que sexa unha realidade, e que Vilaboa conte cun Plan de Ordenación o vindeiro ano. Agora quedan algúns detalles polo tema da auga, que é importante, pero estimamos que podería estar aprobado ao longo do ano 2021 e que isto sexa un grande cambio en Vilaboa, para poder darlle solucións aos veciños en materia de urbanismo, e poder desenvolver zonas comerciais e incluso urbanas ao mesmo tempo. É certo que estivo moito tempo parado, porque se quixo utilizar como arma política, cando penso que o que debe primar son os intereses dos veciños.

Que outros proxectos de futuro ten para Vilaboa?

— Tamén está o tema de Costas. Temos que buscar unha solución para que todas esas casas afectadas por un exceso de afeción da liña de costa poidan estar dentro da ordenación, e hai que negociar este aspecto. Por outra banda, a compostaxe tamén é importante. É un proxecto que iniciou o anterior alcalde e penso que é importante continuar con ese tipo de iniciativas favorables para o medioambiente, para que Vilaboa sexa un concello sostible. Tamén sería interesante darlle impulso ao tema do turismo, tendo en conta que por Vilaboa pasa o Camiño de Santiago, que é un dos principais motores do turismo en Galicia e debemos prestarlle atención. Hai algunhas actuacións pendentes de realizar neste sentido pero penso que se podería explotar máis.

Contarán tamén cos proxectos iniciados polo BNG?

— Dende as súas areas impulsaron algunhas iniciativas que son valorables e de recoñecer, como é a Mostra do Viño. Outras teremos que valorar se realmente eran viables para un concello coma Vilaboa, a maioría delas de tipo cultural.

A que tipo de problemas lle prestará máis atención o Concello a partir de agora?

— Vilaboa é un concello de paso, con diferentes infraestruturas. Cada vez que se acomete algunha delas sempre xera problemas. Pasounos co AVE e coa autoestrada, e agora temos o problema da A-57, que é unha obra de grande magnitude e que vai xerar problemas no noso concello. Penso que é importante que o Goberno local esté pendente para que o impacto desas obras sexa o mínimo posible.

Comentarios