Chalecos, gafas para as galiñas e outros gadgets que melloran a agricultura do século XXI

Unha agrícola de Ponte Caldelas que distribúe ata 18 variedades de galiñas acompasa a súa oferta aos tempos con gran especialización
Couso Omil, cunha pita New Hampshire Red, que loce o chaleco reflectante, na tenda de Ponte Caldelas, lendo Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA
photo_camera Couso Omil, cunha pita New Hampshire Red, que loce o chaleco reflectante, na tenda de Ponte Caldelas, lendo Diario de Pontevedra. RAFA FARIÑA

"Poña un peto na vida da súa galiña". Pode parecer un lema promocional un tanto disparatado, e, de feito, chama moito a atención. Aínda que non fora con esas mesmas palabras, os responsables de Agrícola Seoane Moreira, de Ponte Caldelas, veñen de facer algo similar, ao encargar e probar coas pitas do seu comercio os chalecos reflectantes para galiñas, un produto de menos de dez euros que, tal e como aclara o encargado do establecemento, Esteban Couso Omil, "aparece en catálogos de distintas marcas desde fai algún tempo e pode resultar práctico, así que pedimos un par para amosarllo ao público".

Efectivamente, o produto está feito á medida dunha galiña estándar (a de aimaxe é unha de raza New Hampshire Red, unha roxa, das de toda a vida), e ten a característica de ser ergonómico e non incomodar ao animal. Pero, para que pode ser útil?

Esteban indica que o uso destes petos non está vinculado ao mascotismo (é dicir, non son para sacar ás galiñas a pasear, como pasa cos cadelos e outras mascotas). "Isto pode ser útil se as tes en un espazo compartido con galiñas de outras persoas e non as queres confundir, ou se as deixas en campo aberto, e as queres gardar cada noite, pero é unha zona na que perdes visibilidade, ou mesmo se tes a unhas que teñen que recibir un medicamento, cura ou coidado e non queres equivocarte", explica o responsable da venda e distribución desta tenda caldelana.

Aínda que con distintos nomes, a firma leva una 40 anos na vila e a venda de suministros para o consumo agrícola é a súa especialidade. Nos últimos anos, e en especial co chegada da pandemia, este tipo de establecementos dispararon a súa actividade, dado que era unha das poucas non prohibidas no estado de alarma, e tamén pola importancia, que día a día están gañando as tendencias como a volta ao campo, a cría sostible e a autosuficiencia alimentaria.

Ademais diso, a demanda está sendo cada vez máis especializada. Un exemplo, son os chalecos, pero Esteban engade que "tamén hai correas, aínda que eu non lle vexo moito sentido, a verdade, e incluso 'gafas', que son un produto bastante máis útil". De novo, ao imaxinarmos unhas pitas con anteollos poderiamos pensar que se trata dunha brincadeira, pero nada máis lonxe. "Son uns anteollos que se colocan sobre o peteiro do animal e que lles tapan parte da visión. Elas comen, andan e están tranquilas, igual ca sempre, pero vén menos ao seu redor. Están pensadas para os casos de pitas poñedoras que pican os ovos, ou de estrés nos galiñeiros, onde os animais a veces se pican entre eles, ou se fan dano".

A lista de elementos para completar o galiñeiro do século XXI vai desde unha aplicación 'domótica' "que che permite abrir e pechar a porta a distancia, sen ter que ir en persoa" ata os típicos galiñeiros prefabricados "que, a verdade, non teñen moito éxito en Galicia, porque aquí todo o mundo prefire os postes e a malla". Para completar, pódese botar man dun tanque de auga que se enche automáticamente (como se tiveran auga corrente no cortello) ou de estruturas portátiles para colocar ao aire libre e deixar que as galiñas coman, selectivamente «sen que escapen cara a horta ou o xardín".

A revolución do sector das agrícolas non se reflicte só na variedade de produtos senón na de animais: "traemos, ao longo do ano, 16 variedades distintas. A xente pídeas en función dos ovos —agora están moi de moda os azuis ou os denominados 'ovos chocolate'— así como da resistencia, o tamaño ou mesmo o aspecto", di Esteban.

Cal é a galiña do momento? "A de sempre, a galiña roxa, e tamén a azur, que pon os famosos ovos azuis", conclúe.

Comentarios