Chamamento á conciencia cidadá: Soutomaior quere deixar de varrer mil cabichas ao día

O Concello redacta unha ordenanza de ornato e civismo, tras analizar os principais problemas co servizo de limpeza. Ademais do traballo que custa atallar a proliferación de lixo, advirten da contaminación que se xenera na ría no caso de non poder recollelas
Cabichas en Arcade e Soutomaior
photo_camera Cabichas en beirarrúas e beiravías de Arcade e Soutomaior. D. P.

Seria preocupación no Goberno local de Soutomaior coa cuestión do ornato público e o civismo, tras iniciar o equipo de Manu Lourenzo a redacción dunha nova ordenanza de limpeza.

O Goberno local fíxose eco das informacións que achegaron os traballadores e traballadoras da limpeza, e primeiro emitiu un comunicado avisando de que, unha vez que se aprobe a ordenanza, as multas por non recoller os excrementos das mascotas poden acadar os 800 euros. 

Pero o pouco cívico acto de deixar que os animais defequen no espazo público e non limpalo non é a única preocupación actual. Co avance dos traballos vén de descubrirse que só na zona urbana do municipio, en especial en Arcade, se poden estar chegando a varrer mil cabichas de tabaco ao día. Trátase dunha cifra que deixou abraiados aos concelleiros, por elevada e porque pon de relevo tamén unha preocupante falta de civismo.

O Concello apresúrase a aclarar que non hai problemas de convivencia entre veciños e fumadores nin queixas de ningún tipo, salvo as efectuadas polo persoal de limpeza dentro dos aspectos que se poden mellorar na situación da vila.

Cando alguén tira unha cabicha ao chan está danando ao medio ambiente, xa que moitas desas cabichas acabarán en bancos marisqueiros da ría de Vigo"

Hai locais hostaleiros do centro de Arcade nos que os traballadores, así a ollo, varren unhas cen cabichas que a xente bota no exterior ao acabar os seus cigarros. Noutros, a cifra é menor, e acada as 60 cabichas.

Tendo en conta os núcleos de máis actividade de lecer e concentración de persoas, fíxose este cálculo, que, ademais permite tirar a conclusión de que, de faltar o persoal de limpeza, ou en xornadas de chuvia abondosa, todos eses cabos de cigarro acabarían no alcantarelado e na ría de Vigo. "É preciso concienciar e pedir colaboración da veciñanza para que poidamos ter un concello mellor e ser consciente de que cando alguén tira unha cabicha ao chan está danando ao medio ambiente, xa que moitas desas cabichas acabarán en bancos marisqueiros da ría de Vigo", sinala o alcalde, chamando á concienciación colectiva sobre o asunto.