Choco e mexillón, protagonistas dos petiscos da Festa do Mar de Vilaboa

A I Festa do Mar terá lugar os días 25 e 26 de xuño no porto de San Adrián
Un evento centrado na gastronomía local, o ano pasado. DF
photo_camera Un evento centrado na gastronomía local, o ano pasado. DF

O sabor dos produtos do Mar de Vilaboa estará nas mans de catro restaurantes locais na I Festa do Mar que terá lugar os días 25 e 26 de xuño no porto de San Adrián de Cobres.

Os establecementos serán Restaurante Mauro, Casa Aurelia, A Garboa e A Casa de Rosa de Mazaroca e preparan xa os seus pedidos para elaborar cadanseu plato a base de produto recollido e comercializado pola Confraría de Pescadores Pedra da Oliveira e pola asociación de bateeiros locais.

Os petiscos que prepararán estes establecementos son arroz con choco na súa tinta, empanada de choquiños, empanada de millo de chocos, mexillóns ao vapor ou en escabeche, cada un ao seu xeito, e con eles participarán no concurso/ cata organizado polo Concello coa colaboración da Escola de Hostalaría de Pontevedra e que porá a proba a creatividade da cociña local. Estes mesmos produtos, en forma de tapas poderán ser degustados por quen se achegue á zona portuaria, na que o Concello instalará os postos e se encargará de que casetas e menaxe ofrezan unha imaxe homoxénea. Tamén se estipularán uns prezos comúns para os petiscos. Así, degustar mexillón terá un coste de 3,5 euros; as tapas de longueirón estarán a 4 euros; as de chocos a 5 e as ameixas a 6 euros.

Os restaurantes preparan os seus pedidos á Confraría e aos bateeiros locais co fin de garantizar os tempos de depuración que requiren os bivalvos. As areas produtivas de Vilaboa aportarán toda a materia prima que servirá de base desta I Festa do Mar que ten, como obxectivo principal, homenaxear un oficio tradicional e con moito arraigo en Vilaboa.

Tanto o alcalde de Vilaboa, César Poza, como a concelleira de Dinamización Económica, Carmen Gallego, coinciden en indicar que trala pandemia agora toca "poñer en valor o local, o propio, e aqueles oficios que por unha ou outra razón se viron moi afectados pola crise sanitaria. No caso do mar, a pesca en todalas súas acepcións foi considerada coma un sector esencial, por seren abastecedores de alimentos, co cal xogaron un papel importante para alimentar a poboación durante o confinamento".

Comentarios