miércoles. 20.10.2021 |
El tiempo
miércoles. 20.10.2021
El tiempo

A choiva respeta o aforo completo de M-Clan

undefined
A Praza da Granxa foi testemuña este venres dunha noite musical memorable no marco do novo Festival da Ameixa, que substitúe á tradicional Festa. RAFA FARIÑA
Un total de 400 persoas gozaron onte dun dos concertos máis agardados do verán poiense, que continúa hoxe con Dr. Queen

Aínda que pasaron a metade da xornada mirando un ceo chuvioso que non deu tregua ata ben entrada a tarde, un total de 400 persoas puideron gozar na noite de onte dun dos concertos máis agardados do verán poiense. E é que, aínda que o programa festivo xa vai tocando á súa fin, algúns dos pratos fortes fixéronse agardar.

Pero pagou a pena. Os himnos 'Carolina', 'Maggie despierta' e 'Quédate a dormir' resoaron en toda a Praza da Granxa para un público sentado que, varias horas antes, xa colgara o cartel de aforo completo. As gañas de levantarse dos asentos e acompañar os grandes éxitos da banda de Carlos Tarque non faltaron, pero o estricto protocolo estipulado foi moito máis forte e, baixo as súas premisas, desenvolveuse toda unha noite que, ademais, estaba de estrea en Poio.

undefined

Pois era a primeira vez que a Festa da Ameixa mudaba o seu nome polo de Festival da Ameixa e, no canto de degustación, ofrecía música para alimentar o cerebro. Prato de moi bo gusto para os asistentes, que volveron colgar o cartel de aforo completo para o segundo concerto do programa festivaleiro, que se celebra este sábado no mesmo emprazamento, e tamén ás 22.00 horas: Dr.Queen.

Un amplo dispositivo de seguridade despregado polos efectivos da Policía Local e os voluntarios de Protección Civil do concello, unido a un comportamento exemplar dos espectadores, aos que ao longo da noite non lles faltaron as palmas que bater, foron os condimentos perfectos para que esta primeira xornada protagonizada por M-Clan se desenvolvera sen ningún tipo de contratempo.

E tampouco faltou o aparcamento, algo que nunca está de máis ao falar de Poio, e que nesta ocasión estaba totalmente previsto. Neste sentido, o Concello quixo expresar o seu agradecemento á veciñanza que cedeu os terreos en Campelo para poder configurar un parking disuasorio provisional nos días de concerto, que tanto facilitou a intendencia aos asistentes.

No que é un dos veráns musicalmente máis ambiciosos en Poio nos últimos tempos, e tendo en conta o contexto de pandemia, aínda quedan moitas actividades por gozar. Se ben transitaron polos escenarios poienses durante as últimas semanas grupos da talla de Baiuca, Xoel López ou Efecto Pasillo, sen esquecer ás orquestras, un dos sectores máis afectados pola pandemia, A Seca seguirá acollendo citas musicais a vindeira fin de semana, esta vez ao ritmo de cumbias e pasodobres.

París de Noia (24 de setembro) e El Combo Dominicano (25 de setembro) farán bailar a máis de un, como cumio dun verán que pechará Pelepau o vindeiro domingo 26 no parque de Costa Xiráldez, a partir das 20.00 horas.

A choiva respeta o aforo completo de M-Clan
Comentarios
ç