As claves da comunidade enerxética de Buchabade

Veciños e comuneiros da localidade de Ponte Caldelas deron un paso pioneiro para producir a súa propia enerxía con placas solares ► O impulsor da iniciativa, Fernando Malvar, explica como será o proceso
Fernando Malvar en el centro de la imagen. G. GARCÍA
photo_camera Fernando Malvar en el centro de la imagen. G. GARCÍA

A enerxía limpa é o futuro e non só as empresas e entidades gubernamentais o comezan a ter claro. Este mes, os comuneiros de Buchabade, en Ponte Caldelas, aprobaron constituirse en comunidade enerxética para implantar unha instalación solar.

En que consiste esta iniciativa? Quen pode ser membro? Que beneficios ten? son obxectivos ambientais, ou económicos os desta agrupación? Fernando Malvar, veciño e promotor da idea, en sintonía co presidente da Comunidade de Montes, Miguel Calviño, explica as claves de futuro deste acordo que os converte en pioneiros en Galicia.

Quen pide a autoxestión da enerxía en Buchabade?


Tal e como apunta Fernando Malvar, todo naceu a raíz "do movemento en contra dos parques eólicos desmesurados que nos están pretendendo facer por todos os montes que nos rodean impulsan un movemento chamado Eólicos así non, que os rexeita".

Ante ese dilema, de querer un mundo máis sostible, pero non estar de acordo con como será se as condicións das explotacións eólicas afectan a sobremaneira ao territorio e ao rural, os comuneiros propuxeron e analizaron a idea "dunha comunidade autoxestionada polos propios veciños, cunhas dimensións axeitadas, que non pretende lucrarse, e que revirte os beneficios á sociedade máis próxima á súa instalación, deste xeito é a antítese dos mega proxectos dos monopolios".

En que constistirá?


"Hai outras modalidades, pero a escollida polos veciños de Buchabade é Enerxía de Autoconsumo Compartida pola Rede. Está regulada por normativa estatal", indica o portavoz, que aclara que, en virtude a este formato, "faremos unha comunidade legalmente constituida, poremos cartos para instalar enerxías renovables e repartiremos o que produce entre os comuneiros. Hai que dicir que a comunidade de montes só aporta unha axuda económica inicial. A comunidade enerxética é completamente independente e poden formar parte dela calquera veciño, membro da comunidade de montes ou non". Non é unha fórmula que sirva únicamente para a enerxía solar: pódese a aspirar a calquera tipo de enerxía verde.

Cantos membros terá e de onde proceden?


No acto de constitución apoiaron a proposta uns 45 comuneiros de montes e outras catro persoas máis que son particulares. Como apunta Malvar, con este acordo, aceptan "pagar unha cota de 50 euros de capitalización inicial e participar nas xuntas e acordos. Os que non pertencen á Comunidade de Montes teñen que poñer ademais unha cota para a execución do proxecto. Os demais poden gozar dunha rebaixa da factura da luz xa que terán unha subvención da comunidade de montes".

A listaxe non está pechada, de modo que aínda se espera un incremento na cantidade de participantes na proposta. Apunta Malvar que hai un límite legal, pero non de participantes en número, senón de distancia: "A condición é ser do pobo. Temos un límite legal dunha contorna de 500 metros".

Só poden participar particulares, ou tamén serve para as empresas?


As condicións actuais non limitan o tipo de participante, alomenos no caso das pemes locais. De feito, en Buchabade, "hai dúas empresas que teñen a súa actividade en terreos da nosa Comunidade de Montes que xa están formando parte da constitución. Un aserradoiro de pedra e unha hípica", revela o veciño.

Cantas placas solares serán necesarias para conseguir un bo rendemento?


Os estudios previos apuntan que facendo unha instalación de entre 100 e 150 Kw, os participantes terían unha producción significativa coa que conseguir o seu aforro enerxético na factura mensual. "Poden ser unhas 250 placas a instalar, dependendo do modelo e outros factores", sinala o impulsor, que non descarta que as condicións finais obriguen a asumir outra cantidade.

Quen pagará o custe da instalación?


Segundo calcula Malvar, cos estudos previos xa na man "para a actuación prevista farán falta un total de 150.000 euros dos cales temos a esperanza de que nos subvencionen entre un 50 ou 60%".

O proxecto pode ser realidade este mesmo ano?


Aínda que neste momento parecen en auxe todas as propostas encamiñadas a lograr enerxía verde, estes plans non contan con ningún acelerador no tempo que lles dea pulo, salvo as subvencións económicas. O responsable veciñal apunta que o que si pode suceder é que se chuegue "a proxectos ben subvencionados" e que "o ser social e políticamente desexable" como son estas comunidades, tamén acelere o camiño.

Con todo, "se todo vai ben entre trámites e construción fará falta un ano como mínimo. Se as axudas non chegan tan fácilmente será algo máis", subliña.

Cal será a cantidade estimada que aforrará cada integrante na súa factura?


Un comuneiro enerxético, que poña 1000 euros de participación aforrará uns 250 euros ó ano en rebaixa das facturas eléctricas desde o momento en que a instalación estea en marcha. O que poña máis cantidade, seguirá beneficiándose proporcionalmente. Así o explica o experto que sinala que a estimación se fixo "sendo cautos", de xeito que podería ser aínda maior a cantidade. Tamén nisto hai un límite: "Nunca vai poder chegar a mais do 60% de aforro e cada integrante vai seguir pagando a parte fixa da factura".

E en CO2, cal será o aforro estimado?


Coa cantidade de placas previstas, calcula Malvar que a liberación de dióxido de carbono poderá acadar "unha rebaixa nas emisións dunhas 70 toneladas ao ano. Pensemos que cada galego emite de media unhas 4,8 toneladas ao ano".

Un obxectivo sustentable que non é incompatible cos beneficios do aforro e con outras vías que poderán emprender como comunidade, de cara a acadar a mellor eficiencia enerxética ao menor custe. Así, explica o responsable que "poderemos traballar asuntos coma a xestión da leña, axudas para a mellora da eficiencia das vivendas ou instalacións de equipos subvencionados. É un camiño colectivo de reducción do impacto das enerxías e de autoxestión das mesmas"

Por que a unha comunidade enerxética non se lle pode chamar 'horta solar'


Malvar fai un último apuntamento para que os menos entendidos na materia aprendamos a diferenciar este tipo de iniciativas. "Unha comunidade enerxética non é un horto solar. Este último produce enerxía eléctrica e véndea, é un productor neto de electricidade, con un ánimo de lucro. Nós imos producir para autoconsumo. En ningún momento os comuneiros percibiremos cartos a cambio, senón descontos".

Comentarios