Colexios de Vilaboa e A Lama, exemplo para unha delegación do Goberno cántabro

Especialistas de Educación coñeceron o CRA vilaboés e o CEIP lamés

CRA VILABOA
photo_camera A delegación nun dos centros do CRA de VILABOA, durante a clase de música. J. CERVERA-MERCADILLO

O director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Álvarez, visitou o Colexio Rural agrupado de Vilaboa Consuelo González e o CEIP A Lama cunha delegación da Consellería de Educación, Formación Profesional e Universidades do Goberno de Cantabria, que viaxa estes días por Galicia para coñecer o sistema educativo público, especialmente no que atinxe á calidade e á equidade educativa. 

Os representantes do Goberno de Cantabria coñeceron o funcionamento de dúas das cinco escolas do Colexio Rural Agrupado, a de Bértola e a de Figueirido, así como a sede central da mesma e a dinámica e instalacións do CEIP A Lama.

Ademais, afondaron nos diferentes programas educativos implantados nos centros, como os Polos Creativos, o plurilingüismo, os contratos-programa, o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares ou Radio na Biblio, entre outros.

En concreto, no CRA de Vilaboa comparáronse as dinámicas de funcionamento dos modelos de educación no rural, con detemento en aspectos como a condición de centro plurilingüe, a integración do inglés co galego e o castelán, a existencia dunha biblioteca central para a rede de escolas, ou o feito de que, malia ter grupos pequenos en todos os centros, a matrícula vai en aumento e segue a atraer a veciños e veciñas do veciño municipio de Pontevedra, pese a que o centro non dispón de comedor escolar nin Plan Madruga, dous dos elementos máis demandados polos pais e as nais de cara á conciliación. 

Na actualidade, hai en Galicia 26 colexios rurais agrupados dos que pouco menos dunha decea están en Pontevedra provincia. O CRA de Vilaboa é o único da comarca de Pontevedra, ten cinco sedes e un edificio central con Biblioteca, e suma 85 alumnos e alumnas. Prevese que o curso que vén a matrícula rebase os 90 alumnos.

CEIP A LAMA
O director do CEIP A LAMA amosando o comedor escolar. J. CEVERA

En canto ao CEIP da Lama, este ano superouse o centenar de matriculados no único colexio de Infantil e Primaria deste municipio rural, que destaca polo seu uso dos Polos Creativos, ter unha das bibliotecas máis grandes de Galicia, con 300 metros, e un servizo de apoio á conciliación laboral co Plan Madruga e comedor escolar, que permiten que os nenos queden no centro ás 7.30 horas da mañá esperando ata o inicio das clases, antes das 10.00.

A delegación cántabra estaba integrada por Reyes Mantilla, directora xeral de Centros e infraestructuras educativas; José Luis Blanco, director xeral de calidade e equidade educativa e ordenación académica e Eduardo Obrado e  Araceli Ramirez, ambos da Unidade Técnica de Calidade Educativa.

Por parte da Dirección Xeral de Centros, ademais de Álvarez Bertolo, e o xefe territorial, César Pérez Ares, estaban Susana María Castro e Carlos Carid Fernández, do Servizo de Centros e a inspectora Alejandra López. 

Comentarios