A comarca viviu a véspera máis variopinta e máxica

A cabalo, en tren ou mesmo por vídeo nas redes sociais. Os Magos de Oriente multiplicáronse para chegar aos fogares
Os Reis. DP
photo_camera Os Reis. DP

A toda présa, dunha punta a outra da comarca, e tamén da provincia, e con distintos medios de transporte como ferramenta e máscara como protección. Así traballaron os Reis Magos na véspera máis máxica do ano, facendo un esforzo superlativo, neste 2021 marcado pola pandemia, por manter a ilusión de cativos e maiores sen poñer en risco a saúde de ninguén.

Coa cara cuberta, guantes e en moitos casos sen lambetadas e sen facer paradas, desenvolvéronse a maior parte dos percorridos nos concellos da contorna de Pontevedra onde se pode dicir que o máis destacado foron as solucións vistosas ao problema que xenerou a anulación das cabalgatas tradicionais.

POIO. O Concello de maior poboación dos que integran a comarca, a maior preocupación era evitar as aglomeracións. As maxestades dividiron a xornada en dúas quendas e pola mañá percorreron A Caeira, O Vao, Fragamoreira, Arís, Escusa Pereiro, Casalvito, Renda, Covelo, Arén e Lameiriña, mentras que pola tarde, de novo con saída do Pazo Besada, encamiñaronse cara a Casa Rosada, Ferreirós, San Xoán, Beiramar, Lourido, Campelo, Combarro e Samieira. Os magos ían en coches cedidos por un concesionario local, pero estiveron custodiados por Protección Civil, a Policía Local e tamén voluntarios do Concello.

Descubre aquí las mejores imágenes de la jornada

CERDEDO-COTOBADE. A ilusión de Reis obrigou a madrugar aos volutarios de Cerdedo-Cotobade, onde a ruta, cunha vintena de paradas, se iniciou ás 10.30 en Sacos e percorreu pola mañá toda a zona rural de Cotobade, e pola tarde a de Cerdedo.

PONTE CALDELAS. A comitiva real ía en autos antigos e comezou a traballar ás 12.00 da mañá para rematar sobre as 17.30 no centro da vila. Houbo saúdos, pero non paradas nin lanzamento de lambetadas. Aínda así, os Reis fixeron oco para unha parada no Consistorio e foron fotografados e aplaudidos por todo o territorio.

VILABOA. En Vilaboa o tren foi o método elixido para que Súas Maxestades pasaran por todo o municipio sen parar, pero con tempo dabondo para saudar. Tamén con máscaras, neste caso con un certo desfase temporal, a ruta ferroviaria deixou abraiados aos máis cativos e a máis dun adulto.

SOUTOMAIOR. No caso de Soutomaior, pola mañá os Reis apareceron no Concello e percorreron todos os lugares da parroquia de Soutomaior. En Arcade, pola tarde, houbo tempo para unha recepción na Praza de Talorío pensada para evitar os riscos sanitarios.

BARRO. En Barro os voluntarios e os traballadores afanáronse por acompañar a uns Magos que viñan en calesas de cabalos e acudiron ás cinco parroquias. Na Lama, a Praza da Pedreira converteuse nun gran recinto para a recepción real, con photo call incluído e mesmo parada nun novo elemento do parque que parece un agasallo real.

CAMPO LAMEIRO. En Campo Lameiro, a cabalgata foi sustituída por un vídeo nas redes no que o párroco Fermín Santiago chamou aos Reis para ver se a veciña Agripina tería un agasallo tras agredir sen querer ao Apalpador. Os Magos non dubidaron en prometer detalles para ela e para os nenos e nenas.

Comentarios