Combarro contará con 220 prazas de aparcamento distribuidas en cinco zonas

Maceira, A Pinela, O Padrón, Rúa Costa de Abaixo e a área do porto deportivo son os enclaves elixidos, tal e como confirmou a edil de Seguridade Cidadá e responsable do proxecto, Marga Caldas  O plan está destinado a cubrir as necesidades veciñais e turísticas de xeito permanente, e estímase que poderá estar en funcionamento en Semana Santa
undefined
photo_camera A zona do porto deportivo ampliará o número de prazas nas súas inmediacións. RAFA FARIÑA

O plan que dará solución á problemática do tráfico e o estacionamento en Combarro, especialmente durante a tempada estival, é unha realidade.

Tal e como confirmou a este medio a edil de Seguridade Cidadá de Poio e responsable do proxecto, Marga Caldas, a dotación de novas prazas de estacionamento comprometidas para este entorno ascenderá a un total de 220, e estarán distribuidas en cinco zonas da parroquia, xa definidas: Maceira, A Pinela, O Padrón, Rúa Costa de Abaixo e as inmediacións do porto deportivo de Combarro.

Neste sentido, afirmou a edil, "non se trata de buscar un lugar puntual para estacionamentos en época estival", senon de "ir máis alá". "Isto é un plan, porque o problema de Combarro non se soluciona soamente habilitando unha finca. Hai que dar resposta a todas necesidades, e hai necesidades turísticas, de novas alternativas para autobuses turísticos, para a xente que vive alí, e para a xente que vai de visita. Hai que adaptarse a todos os requisitos", salientou. Deste xeito, dende a concellería estiman que poderá estar en marcha esta Semana Santa.

As novas prazas de estacionamento estarán dirixidas "tanto a usuarios como a residentes", e os traballos levaranse a cabo tanto en zonas pertencentes ao dominio público como ao privado.

De feito, tal e como avanzou a edil, o vindeiro Pleno da Corporación incluirá a correspondente modificación orzamentaria para esta actuación, que nestes momentos atópase pendente de recibir os permisos sectoriais xa solicitados.

De feito, xa se iniciaron as peticións aos diferentes entes implicados nas zonas de afección da actuación, como son Portos de Galicia, Costas do Estado e Carreteras. Se ben estas autorizacións están pendentes de resolver, dende Seguridade Cidadá confían na luz verde ao proxecto.

Segundo explicou Caldas, a fase actual do proxecto é a de execución, que se abordará coa pronta obtención dos conseguintes permisos.

Unha vez que se realice a modificación orzamentaria, realizaranse reunións informativas coa veciñanza, co obxectivo de trasladarlles os detalles do proxecto, e de como poden acceder ás prazas habilitades.

Precisamente, coa execución en marcha, abrirase outro trámite que consistirá na adxudicación das prazas destinadas aos residentes. Os técnicos municipais atópanse traballando actualmente nos procesos de elaboración das diferentes contratacións.

O plan suporá un auténtico revulsivo na organización do tráfico na parroquia, e redundará nunha gran mellora, especialmente na tempada estival e nos periodos vacacionais.

Para Caldas, bebe de dous principais obxectivos dos que, en primeiro lugar, sitúa o ánimo de "protexer o entorno de Combarro. Sabemos que durante toda a época estival alí prodúcese unha sobrecarga de vehículos, e contar con aparcamentos permitirá que entren menos no entorno, co cal estamos protexendo o patrimonio e fomentando un turismo máis sustentable".

Pola outra banda, a concellería dá así resposta a unha demanda histórica da veciñanza que vive no entorno de Combarro, e que se atopa coa "imposibilidade de poder aparcar en época estival".

Segundo Caldas, "ampliando este plan a todo o ano garantimos que se poida seguir visitando o recinto histórico, pero cunhas garantías que permitan acceder a el andando, e tamén que a xente poida vivir alí, e que o turismo de verán non choque co día a día dos residentes".

O procedemento para desenvolver o plan de estacionamento e tráfico en Combarro iniciouse a principios de verán co obxectivo inicial de habilitar zonas de estacionamento para os veciños.

Se ben "as condicións, as necesidades e as problemáticas de depender doutras administracións que afectan a Combarro no ámbito da concesión de permisos" non permitiron acelerar o proceso para dispoñibilizar o estacionamento o pasado verán, tal e como estaba previsto, o proxecto, nin moito menos foi a parar a un caixón.

Dende a concellería de Seguridade Cidadá "continuouse a traballar" dende entón para dar respostas a unha problemática enquistada na zona. "Queremos facer as cousas ben e dar resposta a todo. A nosa intención era poder dar algunha alternativa xa no pasado verán pero non puido ser viable polo establecemento de determinados prazos de contratación, pero agora podemos garantir alternativas á veciñanza", sinalou Caldas.

Tráfico: un proxecto que reformulará a vida na parroquia 
A edil de Seguridade Cidadá, Marga Caldas, asegurou que o proxecto permitirá "a regulación de todo o que é o tráfico e o estacionamento no municipio, e buscar solucións integrais para Combarro".

Así, asegurou que o obxectivo pasa por garantir o aparcamento "ás persoas que viven en Combarro, no centro histórico e no seu entorno, en época estival e todo o ano", así como asegurar tamén "outro tipo de estacionamentos para usuarios".

Neste sentido, a edil avanzou que, á súa vez, existe un proxecto "onde se explica como se van levar a cabo os repartos", e engadiu que, ademais da nova creación de prazas de aparcamento, tamén se actuará na "nova creación de espazos verdes no entorno de Combarro".

En canto á dotación de prazas de aparcamento, unha vez que o Concello conte coas autorizacións sectoriais, explicaranse os criterios adoptados e presentarase a actuación á veciñanza. 

Comentarios