Combarro contará con 80 prazas de aparcamento para residentes

Seguridade Cidadá solicitará esta unha concesión demanial a Portos para a xestión das parcelas situadas no Paseo das Redeiras e trasladará o parque biosaudable para engadir espazo
Unhas 25 prazas habilitaranse na parcela do parque biosaudable. CEDIDA
photo_camera Unhas 25 prazas habilitaranse na parcela do parque biosaudable. CEDIDA

As persoas que residen no casco histórico de Combarro poderán paliar os problemas de aparcamento existentes á maior brevidade. A Concellería de Seguridade Cidadá, dirixida por Marga Caldas, vén de anunciar a vindeira habilitación dun total de 80 prazas para dar servizo a estes veciños e veciñas, e que estarán ubicadas no Paseo das Redeiras. Para facer isto posible, o Pleno da Corporación abordará na súa vindeira sesión ordinaria, o martes 25 de xaneiro (19:30 horas), unha proposta impulsada desde esta Concellería para solicitar a Portos unha concesión demanial de varias parcelas situadas nesta zona, a fin de acometer unha serie de actuacións para habilitar os estacionamentos municipais.

Segundo explicou Caldas, o proxecto conta co visto bo dos técnicos municipais e cumpre con todos os requisitos pertinentes. En detalle, contempla solicitar a Portos a concesión de dúas zonas nas que xa existen espazos para estacionar, e que na actualidade son de titularidade autonómica. A maiores, o Concello aposta por habilitar prazas nunha zona verde situada ao final do paseo, a man dereita, onde existe tamén un parque biosaudable, que se trasladará a un emprazamento cun novo proxecto, máis próximo ao núcleo de Combarro.

A edil do BNG apunta que nesta parcela, que conta cunha extensión duns 1.000 metros cadrados aproximadamente, habilitaranse unhas 25 prazas. "Unha vez que a concesión sexa unha realidade, estes espazos serán xestionados directamente pola Administración local e habilitados para residentes no núcleo de Combarro. Deste xeito, damos resposta a unha demanda histórica que era necesario cumprir, dada a necesidade existente á hora de garantir zonas para estacionar para os veciños e veciñas da contorna, especialmente durante a época estival, cando o número de visitas ao Casco Histórico se multiplica de xeito exponencial", explicou a edil nacionalista.

Se ben a petición para levar a cabo a concesión demanial das parcelas para as futuras prazas de aparcamento que son propiedade de Portos de Galicia, dita fórmula da concesión demanial xa foi acordada nunha reunión que Caldas mantivo hai uns meses con esta entidade, tal e como aseguraron dende o Goberno local.

Este proxecto forma parte do Plan Integral de Tráfico de Combarro, impulsado pola Concellería de Seguridade Cidadá, que contempla, ademais, a adquisición de parcelas nas proximidades do núcleo para xerar máis aparcadoiros disuasorios. Tal e como avanzara este xornal o pasado mes de outubro, o proxecto exposto por Seguridade Cidadá contempla a habilitación dun total de 220 prazas de aparcamento que estarán distribuidas en cinco zonas: Maceira, A Pinela, O Padrón, Rúa Costa de Abaixo e a área do porto deportivo. Co Plan, preténdese ofrecer unha solución definitiva á problemática do tráfico en Combarro.

Actualmente, o Concello segue traballando na adquisición deses terreos, tal e como confirma a propia Marga Caldas. Unha vez que a concesión demanial sexa aprobada en Pleno, convocarase unha reunión coa veciñanza para dar a coñecer todos os detalles do Plan, segundo garantiu a responsable de Seguridade Cidadá. "Os veciños serán os primeiros en coñecer todo o proxecto, a fin de poder escoitar as súas demandas e garantías a proposta", recalcou.

RENOVACIÓN DO PARQUE. Caldas Moreira sinalou que, con respecto ao traslado do parque infantil, "aproveitaremos a actuación para renovar os aparellos". Unha vez que Portos acepte a concesión demanial, o Concello prevé investir algo máis de 48.000 euros na posta a punto da parcela para habilitar os novos estacionamentos. Ademais, a devandita concesión tamén inclúe unha cesión de espazo que permitirá rehabilitar un peche cuberto da nave de piragüismo, un proxecto que xa esta en redacción en colaboración cos clubs, tal e como informaron dende o Goberno local.

Comentarios