Os comedores escolares de Cerdedo-Cotobade terán subvención ata 2023

As ANPA serán as encargadas de recoller as solicitudes dos pais e de xestionar as axudas, de 2.000 euros anuais diariodepontevedra
Un comedor escolar. XESÚS PONTE
photo_camera Un comedor escolar. XESÚS PONTE

O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, comprometeu o cofinanciamento municipal do Plan Madruga nos tres colexios públicos de municipio ata o ano 2023, co obxectivo de favorecer a conciliación familiar e laboral dos veciños con cativos en idade escolar.

O rexedor explicou, despois de comunicarlles aos responsables das asociacións de pais e nais de alumnos esta decisión que "é fundamental a boa atención aos nosos nenos e poñer todo da nosa parte para que os veciños poidan conciliar. Este apoio económico non é algo que se vaia falar nin negociar ano a ano, senón un compromiso para os catro anos deste mandato porque cremos nas familias e no interese xeral da cidadanía". Cubela quixo deixar claro que este "será o mandato da política social e da conciliación laboral". Por este motivo, indicou que o Concello aportará 2.000 euros anuais a cada unha das tres asociacións de pais e nais de alumnos para cofinanciar o Plan Madruga. A achega suporá un investimento social de 24.000 euros en todo o mandato.

A administración local espera que esta cantidade permita sufragar aproximadamente o 50% da asistencia, xa que permitirá que o custo do Plan Madruga para as familias sexa de 21 euros mensuais no canto dos 42 que cobra a empresa encargada do mesmo. Ademais, este servizo, que inclúe o almorzo, prestarase de 7.30 a 9.00 horas para favorecer que os cativos estean coidados e desenvolvendo actividades na franxa previa ao inicio das clases, mentres os seus proxenitores se desprazan aos seus centros de traballo.

"Imos aplicar o mesmo sistema que coa subvención da actividade de piscina. Así, concederemos unha subvención a prol de cada Anpa, que será a que se encargue da contratación e xestión do Plan Madruga, xa que nos parece un sistema máis eficiente que ademais permite que as nais e pais controlen de xeito directo un servizo do que se benefician os seus fillos", indicou. As ANPA serán as encargadas de recoller as solicitudes dos pais en cada un dos centros.

Comentarios