O comercio local de Poio reforza a súa identidade coa feira multisectorial PoioMostra

Uns 60 postos danse cita na Seca esta fin de semana para ofrecer rebaixas, darse a coñecer e promover os seus servizos ► O alcalde defende o poder dinamizador do comercio local: "É vida e contribúe ao desenvolvemento"
O alcalde contou co deputado provincial Javier Tourís e co delegado territorial, Agustín Reguera na inauguración. GONZALO GARCÍA
photo_camera O alcalde contou co deputado provincial Javier Tourís e co delegado territorial, Agustín Reguera na inauguración. GONZALO GARCÍA

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, xunto coa presidenta de EnPoio, Loli Otero, o delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e o deputado provincial, Javier Tourís, inauguraron a feira multisectorial e de vehículos de ocasión Poio Mostra, que estará instalada na Seca ata o domingo, en horario de 11.00 a 21.00 horas con máis de 60 postos nos que se establecen os principais comercios do municipio, así como outros negocios interesados en facer vendas neste territorio.

"O comercio local é vida e contribúe ao desenvolvemento socioeconómico dos concellos", indicou Ángel Moldes, que sinalou, que "desde o primeiro momento no Goberno tiñamos clara a nosa aposta por promocionar e potenciar os negocios locais, e esta é unha oportunidade para que os nosos veciños coñezan toda a oferta que poden atopar en Poio. O comercio de proximidade é fundamental para as nosas rúas, para fomentar o emprego e para que os municipios sigan medrando".

PoioMostra. GONZALO GARCÍA
PoioMostra. GONZALO GARCÍA

O repertorio de postos inclúe unha ampla variedade de tendas de moda, zapatería, decoración, produtos gourmet, servizos, agricultura, artesanía e concesionarios automobilísticos. Despois de saudar posto a posto, o alcalde agradeceu a iniciativa de EnPoio para recuperar a feira de oportunidades, "que espertou grande interese", e referiuse a que en menos de unha semana se reservaron os expositores dispoñibles.

"Estamos espertando e contaxiando interese, ilusión e, sobre todo, confianza para atraer estas novas propostas e iniciativas cara o noso concello. Poio estase convertendo nun municipio atractivo para que as empresas organicen eventos aquí, e todas estas iniciativas contribúen a dinamizar o noso concello fóra da tempada de verán", destacou.

Nesta liña, o alcalde recordou que Poio ten por diante dúas fins de semanas moi completas, con moitas iniciativas e propostas para todos os gustos e públicos. "Conseguimos ter un concello cheo de vida", e referiuse a que estes días, ademais do Poio Mostra, tamén se celebraron os premios de AJE Galicia, o Campionato Galego de Dúatlon, as festas patronais das Dores de San Martiño e a exposición atractiva sobre dinosauros que hai no Parque de Ánkar, mentres que para a seguinte, ademais desta mostra, tamén se celebrará o I Festival da Cervexa Artesá e a primeira xuntanza de maiores de Poio.

Comentarios