Miércoles. 22.05.2019 |
El tiempo
Miércoles. 22.05.2019
El tiempo

Comezan as obras no núcleo da Chan para dotala de beirarrúas máis anchas e aparcadoiro

Obras de humanización na zona do aparcadoiro da Chan, en Cerdedo-Cotobade. DP
Obras de humanización na zona do aparcadoiro da Chan, en Cerdedo-Cotobade. DP

O proxecto, no que se invisten 450.000 euros, creará 55 prazas de estacionamento fronte o centro médico

As obras de humanización do núcleo da Chan, en Cerdedo-Cotobade, deron comezo este martes. O proxecto contempla o ensanchamento de beirarrúas, a creación de "grandes espazos para os veciños", a mellora estética da praza e da contorna da capela de San Roque e a creación dun "gran aparcadoiro público e gratuíto".

Segundo informa o Concello nun comunicado, a adxudicataria desta actuación, a empresa Obras, Reformas y Saneamientos (Oresa), iniciou os traballos coa instalación do valado de seguridade e as primeiras zanxas na praza e na vía de conexión cara ao edificio relixioso e coa preparación do terreo para o novo estacionamento, que disporá de 55 prazas fronte ao centro de saúde e as proximidades do consistorio para dar resposta a esta demanda dos veciños.

Este proxecto conta cun investimento de 450.000 euros –incluíndo a consecución dos terreos por parte do Concello– e consistirá no ensanchamento das beirarrúas, o acondicionamento de grandes espazos públicos na Praza da Chan, a dotación de mobiliario urbano, a adopción de solucións que favorezan a confortabilidade do núcleo, a implantación de medidas de calmado de tráfico, a posta en valor e o acondicionamento peonil da capela de San Roque e a súa contorna e, en xeral, a mellora estética de toda a zona, incluíndo a travesía dende o consistorio.

Esta actuación "pretende realzar o gran valor patrimonial do núcleo da Chan" e concíbese como a terceira fase da súa reforma urbana, que xa se beneficiou, nun proceso escalonado que arrancou no ano 2012, da reforma da Praza do Concello e da mellora da travesía principal.

O presidente municipal, Jorge Cubela, que se achegou ata o comezo das obras e estivo a departir cos responsables da empresa adxudicataria sobre os prazos, solicitou "colaboración e prudencia" aos veciños pola presenza de maquinaria pesada e operarios e pediu desculpas polas posibles molestias ata o seu remate, previsto para este verán.

Comezan as obras no núcleo da Chan para dotala de beirarrúas máis...
Comentarios