Completado o reparto do recadado para as familias damnificadas polos lumes en Ponte Caldelas

O Concello e Cáritas empregaron o criterio de non repartir cartos, senón repoñer os efectos e, na medida do posible, adquirilos no comercio local

Restos de una de las casas destruidas por los incendios que se registraron en Ponte Caldelas. DP
photo_camera Restos de una de las casas destruidas por los incendios que se registraron en Ponte Caldelas. DP

A campaña do Concello de Ponte Caldelas e da Organización Non Gubernamental Cáritas para axudar ás persoas damnificadas polos incendios do pasado 15 de outubro chegou á súa fin. A pasada semana completouse o reparto dos fondos recollidos na conta solidaria, en forma de entrega dos bens e efectos destruídos polo lume, ás familias máis prexudicadas.

De acordo co anunciado ao comezo desta campaña, o Concello e Cáritas fixeron unha valoración social das familias, a partir dos seus ingresos; unha valoración técnica das perdas e, finalmente, unha valoración humana. Os técnicos municipais e o equipo de Cáritas foron os encargados de levar a cabo estas consideracións, sen presencia de ningún político na comisión mixta.

Ademais utilizouse o criterio de non repartir cartos, senón de repoñer os efectos e, na medida do posible, adquirilos no comercio local.

O Concello e Cáritas decidiron non facilitar nin a identidade das persoas beneficiadas, nin a listaxe dos bens doados, en estrito respecto da súa intimidade e dignidade.

A conta solidaria recadou un total de 16.760 euros gracias á onda de solidariedade que chegou desde diferentes puntos de España.

O Concello agradece especialmente a colaboración prestada por Cáritas de Ponte Caldelas e a "todas as entidades e persoas que doaron cantidades moi diversas, e todas elas igualmente valiosas, á conta solidaria".

Entre os doantes figuran a Asociación de Veciños de Santa María de Pazos de Borbén, a asociación de comerciantes Coempo, o colexio de A Lama, o colexio Antamirano (Madrid), a empresa Carlin e, moi especialmente, a asociación Ponte Caldelas Solidaria. Tamén o propio Concello de Ponte Caldelas, que correu con gran parte dos gastos de organización do Festival Solidario.

Comentarios