A Comunidade de Montes de Vilaboa destina 2,5 hectáreas a prantar castiñeiros

Trátase dunha acción contemplada no Plan de Usos, que permitiu erradicar brochos de eucalipto da zona
Unha das xornadas de traballo. DP
photo_camera Unha das xornadas de traballo. DP

A Comunidade de Montes de San Martiño de Vilaboa vén de realizar os traballos de preparación e plantación de case 2,5 hectáreas de castiñeiros enxertados con variedades tradicionais para a produción de fruto.

Esta plantación dedicada ao aproveitamento da castaña, forma parte dos proxectos contemplados no Plan de Ordenación do Monte desta comunidade e está pensada para complementar a liña iniciada produción sustentable de madeira certificada co selo FSC e seguir co traballo de diversificación dos usos do monte e erradicación do eucalipto. De feito, tal e como lembran os comuneiros, os traballos previos nos rodais actualmente plantados con variedades tradicionais de castiñeiro consistiron na eliminación de abrochos de eucalipto de todd a superficie.

Esta tarefa desenvolveuse co traballo voluntario e a colaboración da veciñanza da Graña e Postemirón, que durante varias xornadas cooperou na eliminación, a cal se realizou de xeito manual e sen empregar pesticidas. Da mesma forma, os comuneiros sinalan que tamén houbo traballo cooperativo durante as xornadas de plantación. A Comunidade de Montes de Vilaboa valora positivamente esta experiencia e xa anuncia que estuda a posibilidade de facer convocatorias públicas en vindeiras ocasións para este tipo de traballos. As variedades foron seleccionadas coa intención de abarcar tanto a produción de castaña para a sua comercialización en fresco como para conservación. Desta forma, optouse polas variedades Luguesa e De Parede, estimando unha produción anual mínima de 10 000 quilos.

Ademais, como ven sendo práctica habitual da nosa comunidade nas plantacións de castiñeiros para madeira, todas as plantas están micorrizadas para a produción de cogumelos Boletus Edulis para favorecer o desenvolvemento das árbores, protexelas ante fungos e, asegurar a multifuncionalidade do monte.

Comentarios