viernes. 16.04.2021 |
El tiempo
viernes. 16.04.2021
El tiempo

A Comunidade de Montes de San Xurxo sinala a un gandeiro como responsable dos "peches ilegais"

Un dos 'cancelos' un camiño do monte de Cuspedriños. CEDIDA
Un dos "cancelos" nun camiño do monte de Cuspedriños.
O presidente, Manolo Amado, asegura que a directiva recibiu "ameazas por parte desta persoa" e que o pastoreo "non está autorizado no monte"
A Comunidade de Montes de San Xurxo de Sacos fíxose eco onte das queixas veciñais pola colocación de "cancelos", que son obstáculos rudimentarios de paus e arame, que veñen aparecendo en diversos camiños do monte de Cuspedriños dende 2017, ante a indignación de veciños e ciclistas, sen que se lle poña solución. Dende a Comunidade de Montes, o presidente, Manolo Amado, sinalou como responsable a un gandeiro "que fai no monte común o que lle dá a gana, sen permiso asambleario". Neste sentido, asegurou que a Comunidade de Montes "non ten autorizado o pastoreo no monte da comunidade", e que os peches "fanse de xeito ilegal".

O presidente dos comuneiros tamén afirmou que "os membros da directiva veñen recibindo ameazas por parte da persoa que se dedica a facer estes peches» e que «xa están denunciadas" ante as autoridades. Deste xeito, dende a Comunidade de Montes destacan que a situación xa se ten denunciado, ademais, "ante a administración".

Segundo indica Amado, a Comunidade de Montes tería intentado unha negociación "para chegar a unha solución amistosa" co presunto responsable dos peches nos camiños de Cuspedriños, sen que houbera acordo por ningunha das dúas partes.

A directiva da Comunidade reafirmou a súa vontade de "defender os intereses dos comuneiros e do noso monte", e asegurou que non é contraria á existencia de gando "de calquera especie" no monte, se ben esta actividade debe dispoñer dun permiso, e estar "controlada e saneada". Neste sentido, o presidente rexeitou a situación existente en Cuspedriños. "Non pode ser a lei da selva, que veña unha persoa a meter gando nun monte, nunha propiedade que ao final é particular, faga peches e atranque camiños. Iso a Comunidade de Montes non o pode consentir", advertiu.

A Comunidade de Montes de San Xurxo sinala a un gandeiro como...
Comentarios
ç