O Concello completa e estrea a rehabilitación da Casa Escola de Barro

Tras pechar unha segunda fase de arranxos na que se investiron 60.000 euros, acondicionouse un parque no exterior

Exterior do edificio totalmente acondiconado. D. P.
photo_camera Exterior do edificio totalmente acondiconado. D. P.

O Goberno municipal de Barro, en colaboración coa Comunidade de Montes da parroquia, acaba de rematar o proceso de recuperación da antiga escola de Barro para convertela nun centro social. Esta actuación, que na súa segunda fase contou cun orzamento de 59.985 euros, financiados polo Plan Concellos 2018 da Deputación, xa está rematada, polo que vai ser inaugurada mañá nun evento aberto á veciñanza.

A recuperación do edificio da escola acompañouse co acondicionamento e a construción dun parque infantil dentro do seu recinto para converter ese espazo nun lugar de convivencia veciñal.

Para o alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes, poder poñer este centro social a disposición dos veciños e as entidades de Barro é unha gran satisfacción, pois supón recuperar parte da memoria colectiva de moitas persoas para as que foi a súa escola.

Esta nova actuación vense a sumar a outras desenvoltas para poñer en uso instalacións municipais que estaban totalmente abandonadas e coas que, ademais de recuperar o patrimonio público, se axuda a dinamizar a vida das parroquias.

O Concello promoveu, con carácter previo ás celebracións que terán lugar mañá pola tarde (17.00 horas), unha visita ao centro para os veciños que foron escolarizados no mesmo e que pasaron nel moitas horas da súa nenez. Ese acto foi celebrado a semana pasada.

Comentarios