O Concello da Lama denuncia un veciño que leva meses sen retirar da rúa enseres e lixo

O Pleno aprobou por unanimidade modificar a ordenanza que regula as axudas para o fomento da natalidade que contemplan a concesión de 1.000 euros por recén nacido
Enseres e lixo depositados polo veciño denunciado polo concello na Lama. DP
photo_camera Enseres e lixo depositados polo veciño denunciado polo concello na Lama. DP

O alcalde da Lama, Jorge Canda, comunicou este martes ao Pleno da Corporación Municipal o inicio de accións legais contra un veciño de Covelo que leva meses sen retirar enseres domésticos e lixo depositado sen autorización na rúa. O rexedor comunicou aos membros da Corporación que, ante as reiteradas advertencias e a ausencia de resposta satisfactoria por parte do home, o seu caso foi posto en coñecemento da Consellería de Medio Ambiente e da Garda Civil para incoar a denuncia pertinente.

Nun comunicado, o alcalde lembra tamén a obriga que teñen os propietarios de fincas de realizar labores de limpeza e control da maleza para previr calquera situación de perigo ante a posibilidade de que poda declararse un incendio. Ademais recordou a normativa esistente para elimina-la presenza de especies pirófitas na proximidade das casas e zonas habitadas.

Ao respecto, indica que os servizos técnicos municipais están a levar a cabo comunicacións e apercebimentos a propietarios por incumprir esta normativa co fin de que nun prazo de tempo inmediato procedan a face-los labores de limpeza. No caso de que estes traballos non se acometan polos infractores, a normativa determina que sexa a administración quen tome cartas no asunto, pasándolle o custe e sanción ao interesado.

AXUDAS NATALIDADE. Por outra banda, o Pleno da Corporación Municipal da Lama aprobou por unanimidade a modificación da ordenanza reguladora das axudas para o fomento da natalidade e o empadroamento que contemplan a concesión de 1.000 euros (500 por ano e durante un máximo de dous) por recén nacido.

Nesta modificación amplíase o prazo de presentación de un a dous meses (outubro e novembro) e entre os requisitos esixirase que polo menos un dos proxenitores teña un mínimo de un ano de antiguedade no empadroamento no municipio da Lama.

Comentarios