O Concello de A Lama xa conta cunha nova área de recreo e esparexemento na parroquia de A Xesta, que foi concibida para servir como punto de encontro veciñal. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou este venres a zona na que se levou a cabo a actuación, froito da colaboración entre a Xunta de Galicia e o Concello de A Lama. Vázquez salientou que "os espazos de recreo como este os que contribúen dunha maneira moi especial a dinamizar a vida das nosas vilas e cidades".
Os traballos que se levaron a cabo no entorno consistiron no levantamento dun novo parque biosaudable cunha ampla zona de recreo no Lugar de Abaixo, xusto ao carón do parque infantil xa existente. Os traballos remataron o pasado mes de decembro, e foi necesario un investimento total de case 55.000 euros, realizado en virtude dun convenio asinado entre a Consellería de Medio Ambiente e o Concello de A Lama, enmarcado no Plan Hurbe, que cofinanciaron as obras nun 70% e nun 30%, respectivamente.
A nova zona de recreo e ocio ocupa unha superficie de máis de 1.100 metros cadrados e está dotada de xogos, mesas e bancos fixos, unha pérgola, unha fonte e unha zona de barbacoas con asador. Tamén se levaron a cabo traballos no viario de acceso e o acondicionamento dun aparcadoiro adaptado ás novas necesidades na zona.