O Concello entrega as chaves do centro cultural de Forzáns aos tres colectivos

O uso irresponsable do edificio foi a razón pola que se decidiu cambiar a pechadura
Centro cultural de Forzáns. DP
photo_camera Centro cultural de Forzáns. DP

O Concello de Ponte Caldelas entregou durante a mañá do mércores as chaves do Centro Cultural de Forzáns á presidenta da Asociación Centro Cultural de Forzáns, Celia Belmonte, e ao presidente da Asociación Cultural O Torreiro, Antón Xil, á espera de que o presidente da Comunidade de Montes de Forzáns, Marcial Álvarez, as recolla a vindeira semana, ao non poder acudir á entrega durante a xornada. Despois dun episodio que espertou as críticas do colectivo O Torreiro, tras o cambio da pechadura do edificio por parte do Concello, o alcalde de Ponte Caldelas, Andrés Díaz, asegurou que a "utilización da Casa do Pobo Municipal é gratuíta e os tres colectivos de Forzáns asinan un documento no que asumen a responsabilidade dun bo uso do edificio". Así, "todos os gastos corren a cargo do Concello": luz, seguros, mantemento, reparacións, ou wifi polo que, segundo Díaz, "coa entrega das chaves aos tres colectivos garántese o acceso libre e gratuíto a todos os veciños de Forzáns". 

Dende o Concello, aseguraron recibir "de xeito constante queixas veciñais por un uso irresponsable do edificio, polo trato desigual á maioría dos veciños de Forzáns e polo pago de cuotas para o uso do local municipal que cobra determinado colectivo do cal o concello nin é responsable nin ten nada que ver", feito que tería motivado o cambio da pechadura. Neste sentido, Díaz lembrou que Ponte Caldelas é un concello "cun texido asociativo moi amplo, con moitas casas do pobo, e gústame que todas se usen, canto máis mellor, porque é símbolo de actividade. Non hai máis ca tomar o exemplo da Festa da Troita polos pobos". 

Pola súa parte, dende a asociación O Torreiro calificaron a situación de "inédita e inxustificada" e, tras recibir a chamada da concelleira, Leticia Rocha, para a "devolución" das chaves, mostraron a súa vontade que "este acto sexa o reinicio dunha nova relación de estreita e sinceira colaboración co Concello de Ponte Caldelas". 

Comentarios