O Concello de Poio anima aos veciños a redobrar esforzos contra as velutinas

O municipio recibiu en 2018 un total de 456 avisos e procesou os datos de todas as chamadas e eliminou 199 niños

Xosé Anxo Lodeiro. DAVID FREIRE
photo_camera Xosé Anxo Lodeiro. DAVID FREIRE

A Concellería de Medio Ambiente de Poio quere advertir aos veciños sobre a posible evolución da praga de vespas velutinas no 2019, unha vez que o responsable de área, Xosé Anxo Lodeiro, ten recibidos e analizados os informes de Protección Civil respecto da actividade do ano pasado.

Segundo apunta o concelleiro, durante o período indicado recibíronse, "principalmente por parte do 012, un total de 456 avisos de niños. Todos estes foron xestionados, incluíndo o seu tratamento informático na aplicación correspondente da Xunta (Seaga), visitados e, os que procedía, eliminados por parte do persoal voluntario da agrupación de Protección Civil do Concello", apunta o edil, que engade que esta tarefa se realizou "mediante a inxección con pértega, a retirada manual, o spray ou a incineración".

O concelleiro de área, á vista dos informes, indica que foron completamente eliminados 199 niños, achegándose á metade dos casos denunciados. Lodeiro destaca o elevado movemento observado nos meses de xullo, agosto e setembro, no que se recolleron case o 60 por cento do total dos avisos.

MÁIS VESPAS. Á súa vez, o Concello indica tamén que o movemento no primeiro mes deste ano , atendendo tamén ás demandas e chamadas feitas polos veciños, é superior ao rexistrado nas mesmas datas do 2018, algo que fai pensar que o incremento de niños será a tendencia no 2019.

Deste xeito, e aproveitando que as vespas aínda están saíndo do período de hibernación previo á realización dos niños primarios, o concelleiro de área anima aos veciños "a colaborar fronte a este serio problema mediante a creación de trampas caseiras, facendo unha fronte común de cara a combater esta especie invasora".

Comentarios