O Concello de Poio avanza na tramitación da nova ordenanza de ocupación das vías públicas

O documento procura garantir a compatibilidade entre peóns, instalacións turísticas, comerciais e hosteleiras nos espazos comúns
Persoas gozando do espazo público nunha das terrazas da zona. DP
photo_camera Persoas gozando do espazo público nunha das terrazas da zona. DP

O Concello de Poio avanza na tramitación da nova ordenanza da ocupación de vía pública que servirá para garantir a compatibilidade do uso en espazos públicos para o establecemento de instalacións turísticas, comerciais, hostereiras ou de lecer, ademais de garantir a harmonía e boa convivencia entre o tránsito peonil e de vehículos, garantindo o respecto pola contorna.

Este foi un dos temas abordados este mércores na Comisión de Facenda onde o concelleiro responsable, Xulio Barreiro, fíxolles entrega a todos os grupos políticos dun borrador inicial co obxectivo de "aprobar un documento definitivo baseado no consenso e coa posibilidade de que toda a Corporación poida realizar as achegas que considere axeitadas para facer unha ordenanza o máis completa posible".

Barreiro tamén quixo adiantar que o borrador poderá ser consultado pola cidadanía a través da Sede Electrónica do Concello onde "permanecerá exposto no apartado de Transparencia durante dez días hábiles, para que as persoas interesadas tamén poidan realizar as súas propostas", indicou o concelleiro de Facenda, ademais de explicar que, unha vez completado este paso, continuarase traballando no documento. Así pois, o concelleiro de Facenda confía en que "a ordenanza poida ser aprobada polo Pleno antes de que remate o ano".

Por outra parte, o concelleiro, explicou o motivo deste cambio na normativa vixente e a urxencia de acadar un consenso coa nova xa que "nos últimos anos produciuse un incremento da demanda do uso de espazos públicos por parte de establecementos comerciais. Debemos dar resposta a esta demanda, garantindo que, ao mesmo tempo, non se produzan problemas de circulación, na accesibilidade, tránsito e mesmo ruídos", continúa expresando Barreiro Lubián para expresar que o regulamento tratará cuestións de relevancia como a determinación dos espazos a ocupar, así como o período de tempo e horarios de ocupación, ademais de definir os criterios da ocupación e o réxime de sancións que se aplicará no caso de incumprimento.

Ademais, o concelleiro de Facenda e Patrimonio adiantou este mércores que nas vindeiras semanas organizaranse reunións en diferentes puntos do municipio, co obxectivo de dar a coñecer os detalles do borrador entre a veciñanza e o sector.

Comentarios