O concello de Poio contará cun punto limpo móbil a partir deste martes

O servizo rotará por todas as parroquias do municipio para suplir a carencia do punto limpo fixo, que figura no contrato do Concello con Valoriza e que aínda se atopa en trámite
photo_camera Luciano Sobral, Silvia Díaz e Chelo Besada (centro) presentaron onte o novo servizo. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

O Concello de Poio anunciou onte a posta en marcha dun punto limpo móbil, que operará por todas as parroquias do municipio a partir deste martes. O servizo terá carácter rotativo, e instalarase cada semana nun lugar diferente ao longo de cada mes.

Este servizo suple momentáneamente a carencia dun punto limpo fixo, un proxecto que se atopa no contrato con Valoriza, e para o que o Concello aínda está a realizar os trámites pertinentes coas distintas administracións, entre as que se atopa a Xunta de Galicia, e para o que aínda non hai data determinada de instalación nin lugar.

O punto limpo móbil consistirá nun camión que portará un colector con distintos compartimentos, nos que a veciñanza poderá depositar os resíduos de fácil manexo. O novo servizo foi presentado polo alcalde de Poio, Luciano Sobral; a tenente de alcalde e concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada; e a segunda tenente de alcalde e concelleira de Igualdade, Turismo e Participación Veciñal, Silvia Díaz, coa presenza do responsable do servizo de limpeza e o xerente da empresa Valoriza. "Estamos moi orgullosos deste sistema, co que só contan actualmente Vigo e Soutomaior. É para concellos grandes, pero Poio é un municipio disperso, polo que este sistema estará implantado nas nosas cinco parroquias", sinalou Chelo Besada. A concelleria tamén quixo aclarar que "non é definitivo, xa que no contrato figura un punto limpo fixo. Buscamos esta alternativa para non seguir privando á cidadanía deste sistema".

O punto limpo móbil operará en horario de 10.00 a 14.00 horas e trasladarase cada martes dende principio de mes, do seguinte xeito: Parque de Lourido (San Salvador), Parque da Reiboa (San Xoán) e aparcadoiro do cemiterio de Combarro. O cuarto martes do mes, de martes a mércores estará na praza de Alfredo Romay Besada (Samieira) e o cuarto xoves do mes, xoves en venres, en Raxó.

MOCIÓN. O PP quere unha sanción para o lixo
O PP de Poio anunciou unha moción para sancionar á concesionaria do lixo, Valoriza, e estudar "seriamente" a resolución do contrato. Os populares piden "como mínimo, impoñer sancións económicas á empresa adxudicataria do contrato de recollida de lixo" e consideran que "hai motivo máis que suficiente para rescindir o contrato de Valoriza". O voceiro do PP en materia medioambiental, o concelleiro manuel domínguez, resaltou que "a consultora e o funcionario advirten de numerosas deficiencias e irregularidades como os populares e os propios veciños levan anos denunciando".

A concelleira de Obras e Servizos, Chelo Besada, a pesar de descoñecer o contido da moción, sinalou que "o PP está instaurado na descalificación".

Comentarios