O Concello de Poio decide aprazar o Día da Matria polo mal tempo

O acto, previsto inicialmente para este venres, celebrarase o vindeiro mércores
Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Xosé Luís Martínez na presentación. ALBA MOLEDO UCHA
photo_camera Raquel Rodríguez, Marga Caldas e Xosé Luís Martínez, este luns na presentación do Día da Matria. ALBA MOLEDO UCHA

O Día da Matria, nome que xa quedou instaurado en Poio para celebrar a previa ao 25 de xullo, celebrarase finalmente o próximo mércores, 28 de xullo. Así o anunciou o Concello este venres, día en que ía ter lugar este acto, mediante un comunicado no que culpa ao mal tempo deste adiamento.

"Por mor da previsión meteorolóxica para hoxe –por este venres–, adíase a celebración do Día da Matria 2021 para o vindeiro mércores 28 de xullo ás 21.00 horas nos Xardíns de Rosalía de Castro (Ferreirós)", anunciou o goberno local.

"No acto institucional –continúa o comunicado– farase entrega das bandeiras ás asociacións de nova creación. Asemade todas as persoas que queiran recoller a súa bandeira antes do día 25 de xullo e que se inscribiron previamente poderán recollela a tarde de hoxe –por este venres– no Concello que permanecerá aberto ata ás 20.30 horas".

O pasado luns, a edil de Memoria Histórica, Marga Caldas, desvelou que A Banda da Loba serán a encargada de poñer música este ano ao acto institucional.

Caldas, acompañada do edil de Festexos, Xosé Luis Martínez, e da concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, explicou que dúas das integrantes da banda, Andrea e Uxía, participarán no acto institucional, ao que seguirá a tradicional entrega de bandeiras e posterior actuación musical.

Contar con "grupos en galego" nun día "referente dentro da programación de verán do concello de Poio" é unha das máximas que cada ano se mantén presente na axenda festiva poiense e, en particular, "na conmemoración do día de Galiza, da lingua galega, e dos nosos dereitos", afirmou a edil de Memoria Histórica.

Neste sentido, o "papel da muller" é chave á hora de enxalzar esta data tan sinalada no municipio e en toda a comunidade. Por este motivo, a elección de A Banda da Loba para protagonizar a xornada non é unha casualidade. Nin tampouco a presentación dos actos coa súa propia cartelería. "Esta programación entra dentro da do verán, pero queremos darlle un papel significativo polo que conleva", aclarou Caldas.

Comentarios