O Concello de Poio habilita un punto de reclamacións para os afectados pola fibra óptica

Un técnico atenderá as queixas por "incumprimento por parte de Telefónica" na dotación deste servizo, que serán remitidas á compañía
As reclamacións atenderanse na Casa Consistorial de Poio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA
photo_camera As reclamacións atenderanse na Casa Consistorial de Poio. JOSÉ LUIZ OUBIÑA

A fibra óptica nunca chegou a algúns lugares do concello de Poio, a pesar de que este servizo estaba contemplado no Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha segundo o que, afirmou o edil de Urbanismo e Promoción Económica, Gregorio Agís, Telefónica "ten a obriga de dotar deste servizo ao 100% do municipio antes de que finalice o ano". Por iso, impulsada por este departamento, o Concello habilitará dende esta semana un servizo de asesoramento para a veciñanza afectada, a través do cal poderán presentar as súas reclamacións e consultar dúbidas vencelladas á dotación de fibra óptica. O punto de reclamacións terá sede física nas dependencias de Urbanismo da Casa Consistorial, onde un técnico municipal atenderá as queixas todos os xoves en horario de 12.00 a 14.00 horas.

Buscan novas empresas para a instalación

"O que faremos será tomar nota das reclamacións das persoas afectadas polos incumprimentos acometidos por parte da empresa Telefónica á hora de dotar de fibra óptica a determinados lugares do noso municipio, a pesar de contar con todos os permisos e xestións que corresponden ao Concello", asegurou Agís, quen tamén sinala que esta oficina o concelleiro do Goberno local, que sinala que esta oficina tamén servirá para "asesorarse e responder a calquera dúbida relacionada con este tema".

O responsable de Promoción Económica e Urbanismo entende que a recopilación e envío de reclamacións de persoas afectadas a Telefónica responde a "unha necesidade para atopar solucións á ausencia de fibra óptica en zonas de diferentes parroquias". Agís lembrou que segundo o Plan Sectorial de Despegue de Banda Ancha, Telefónica está obrigada a poñer o servizo a disposición de toda a veciñanza de Poio.

NOVAS EMPRESAS. A posta en funcionamento desta oficina de reclamacións xorde apenas uns días despois de que a Xunta de Goberno Local dese o visto bo a un proxecto impulsado para despregar a instalación de fibra a todos os fogares de Poio, co obxectivo de prestar servizo ás cinco parroquias, fomentando a libre competencia, e que permita favorecer a chegada de novas empresas interesadas en instalar fibra óptica no municipio.

A posta en marcha desta Rede Aberta permitiría o acceso en igualdade de condicións a todos os operadores de telecomunicacións, asegurando oportunidades "de xeito equitativo" para todas as empresas, ao mesmo tempo que se garante a sostibilidade e o respecto do medio ambiente.

Tal e como explicaron dende o Goberno local, unha vez habilitada, a rede poderase alugar tanto a operadores locais de Galicia como aos de ámbito nacional. "Este é un paso máis de cara a ofrecer á nosa veciñanza un servizo que xa debería chegar a todos os nosos fogares, pero que, por desgraza, non é así pola incapacidade de Telefónica", conclúe Gregorio Agís, que lembra que o Concello se puxo en varias ocasións en contacto coa empresa para solucionar estes problemas, sen recibir resposta pola súa parte. Por este motivo, agora busca alternativas para garantir que todos os fogares do municipio conten cun servizo que hoxe en día resulta necesario, sobre todo para as empresas.

Comentarios