jueves. 28.01.2021 |
El tiempo
jueves. 28.01.2021
El tiempo

O Concello de Poio mudará os nomes das rúas vencelladas ao franquismo

Actual rúa Francisco Regalado (Combarro), unha das candidatas a mudar o seu nome. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARCHIVO)
Actual rúa Francisco Regalado (Combarro), unha das candidatas a mudar o seu nome. JOSÉ LUIZ OUBIÑA (ARCHIVO)
A Concellería de Memoria Histórica abrirá unha quenda de encontros coa veciñanza e colectivos locais para ter en conta as propostas que queiran achegar

Os nomes das rúas e espazos públicos vencellados ao franquismo teñen os días contados no Concello de Poio. Atendendo aos criterios da memoria histórica e da cultura propia galega e da zona, o municipio mudará a denominación de rúas que actualmente homenaxean a personaxes vencelladas á ditadura e rexenerará estes espazos, atendendo tamén ao criterio da veciñanza. Unha das primeiras rúas nas que se actuará é a actual Francisco Regalado, unha das máis importantes de Combarro, que une a PO-308 e a contorna da Praza da Chousa co porto da Canteira. Esta modificación farase efectiva "atendendo a criterios de hixiene democrática", tal e como explica a concelleira do departamento de Memoria Histórica, Marga Caldas.

O Goberno local proponse iniciar unha quenda de xuntanzas cos diferentes colectivos e agrupacións locais que se adican a salvagardar a memoria histórica para coñecer as súas propostas en canto á substitución dos nomes vencellados ao franquismo polos de outras persoas que si merezan a homenaxe. Caldas entende que é "preciso implicar a toda a corporación neste tema, xa que é un esforzo que debemos facer de xeito conxunto para eliminar calquera vestixio da ditadura no menor tempo posible". A concelleira confía en que esta proposta poida ser levada a Pleno na sesión ordinaria no vindeiro mes de febreiro.

Esta medida non só afectará a Francisco Regalado, senón tamén a outros emprazamentos da vila. O Concello de Poio cre que a actual Lei da Memoria Histórica "non garante por completo a hixiene democrática, polo que cómpre establecer criterios que se identifiquen co sentir da tradición e a cultura propia", afirma Marga Caldas. Para iso, ademais de analizar as propostas que xurdan nos encontros cos colectivos, o Goberno local tamén terá en conta outros criterios, como a posibilidade de utilizar o nome dalgún persoeiro vencellado "á nosa realidade local e galega", apunta Marga Caldas. Por outra banda, búscase eliminar os nomes que no seu día foron impostos para ‘premiar’ ou "agradecer supostos favores feitos por cargos de goberno cara unha determinada localidade". Neste ámbito incluiríanse os honores e distincións cara a Franco ou ministros da ditadura (como foi, precisamente, Francisco Regalado, responsable de Marina entre 1945 e 1951), así como medallas de ouro, títulos de fillos adoptivos ou predilectos e alcaldes de honra. "Cómpre eliminar todos estes vestixios do franquismo por ir en contra dos valores democráticos". O Concello busca tamén corrixir unha tendencia discriminatoria cara á muller neste tipo de homenaxes, "xa que a inmensa maioría de nomes de espazos públicos e rúas son de homes. Queremos honrar a aquelas mulleres e veciñas vencelladas á vila e con Galicia", finaliza Marga Caldas.

O Concello de Poio mudará os nomes das rúas vencelladas ao franquismo
Comentarios