O Concello de Poio pechou o primeiro trimestre do ano con 882 parados

Esta cifra é a máis baixa dende hai máis dunha década neste período ► Promoción Económica impulsará novos cursos para profesionais
O edil Gregorio Agís nunha das formacións para profesionais. DP
photo_camera O edil Gregorio Agís nunha das formacións para profesionais. DP

O Concello de Poio vén de pechar o mes de marzo con 882 persoas en situación de desemprego, o que supón unha redución de 32 con respecto á cifra de febreiro. Tamén é unha cantidade inferior á de xaneiro, cando se rexistraron 914 desempregados e desempregadas. Estes datos son os mellores rexistrados no Concello na última década.

Este descenso faise especialmente marcado se se compara con marzo de 2022, cando o número de persoas sen emprego superaba o milleiro (1.004), unha tendencia que, tal e como lembran fontes municipais, era a habitual no primeiro trimestre nos últimos anos, cun tope de máis de 1.300 en 2017. Nos últimos doce meses o paro reduciuse en máis dun 15% no municipio, situándose por debaixo do 10% da poboación. Ademais, tal e como figura no rexistro recollido pola Concellería de Promoción Económica, Poio foi o concello de toda a bisbarra na que se produciu unha redución máis ampla de persoas sen traballo.

Por outra banda, a Concellería de Promoción Económica informa do comezo do último dos tres cursos formativos dirixidos a profesionais do marisqueo a pé. Logo dos de manipulación de produtos pesqueiros frescos e de habilidades sociais para o marisqueo a pé, realizados nos meses de febreiro e marzo, agora en abril chega a quenda dun ciclo que se centra en pautas de formación cooperativa para o sector. Ao igual cos dous anteriores, son cursos puntuables para o Permex.

Ao longo desta semana as sesións, cun total de 30 horas, lévanse a cabo no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, en horario de 9.00 a 13.30 horas ata o vindeiro luns 17. O martes 18 e o mércores 19 o horario modifícase, sendo de 9.30 a 12.30 horas.

Para finais deste mes de abril tamén se levará a cabo desde Promoción Económica e Urbanismo un curso de formación para recepcionistas de aloxamentos turísticos, que finalizará en maio e que contará tanto con sesións teóricas, a realizar no Centro de Formación da Reiboa entre as 9.00 e as 14.00 horas, como prácticas en empresas e negocios vencellados a este sector. A día de hoxe xa están reservadas o 100% das prazas, se ben hai unha lista de agarda en caso de que se produzan baixas.

Comentarios