O Concello de Poio urxe á habilitación da marquesiña da PO-308 ao seu paso por Raxó

O tripartito levará a petición á Corporación, logo de solicitar a actuación á Xunta. O seu uso está destinado aos escolares de Raxó
2020100812254116547
photo_camera O lugar proposto para a instalación da marquesiña en Raxó. CONCELLO

O Goberno municipal de Poio levará ao Pleno ordinario deste mes de outubro unha moción a través da cal urxe á instalación da demandada marquesiña da PO-308 ao seu paso por Raxó, unha actuación que pretende dar servizo aos escolares da parroquia, e que solicitará "unha vez máis" á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, ante a que denuncia que xa remitiu esta e outras propostas o pasado mes de xullo.

A marquesiña estaría situada no tramo da PO-308 entre o lugar de Covelo, na parroquia de Samieira, e no núcleo de Raxó, onde a Xunta de Galicia acometeu unha actuación de mellora da seguridade viaria e de eliminación de concentración de accidentes.

O Concello remitiu este verán un escrito, aprobado en Xunta de Goberno Local polos membros do tripartito (BNG, PSOE e Avante Poio) con melloras como a dotación da marquesiña na parada de autobús situada no punto quilométrico 10+310. Esta actuación resulta "especialmente necesaria coa chegada do outono, o inicio da temporada escolar e o empeoramento das condicións meteorolóxicas", xa que, segundo o Goberno local, "agora mesmo os escolares carecen dunha infraestrutura da que resgardarse da choiva, véndose na obriga de agardar á intemperie polo transporte".

Ademais, o Concello tamén incide na necesidade de que se recupere a parada de bus que existía tamén nas inmediacións, e que foi suprimida durante as obras de mellora da PO-308, posto que tamén era "moi utilizada pola veciñanza".

Chelo Besada lembra que "actualmente, xa coa reforma rematada, existe un espazo a carón da parada de autobús que utilizan os escolares para acoller a marquesiña, pero, polo de agora, a Xunta non a instalou nin nos comunicou se ten previsto facelo".

CASALVITO. O Concello de Poio asegurou que mantén as xestións para habilitar unha marquesiña de autobús no lugar de Casalvito. Precisamente, no último Pleno ordinario aprobouse por unanimidade unha moción presentada polo Partido Popular para efectuar esta actuación. O alcalde, Luciano Sobral, explicou que "é preciso buscar un espazo para a infraestrutura, logo de que se reducise o terreo, como consecuencia da obra da estrada cara O Pereiro".

Comentarios