O Concello de Ponte Caldelas habilita case 200 novas prazas de aparcamento

O principal reforzo dase na avenida de Vigo que, ademais, pasa a ser de sentido único ►Córtase o tráfico na rúa Marín e peonalízase

O alcalde da localidade contempla as novas prazas de aparcamento. DP
photo_camera O alcalde da localidade contempla as novas prazas de aparcamento. DP

O Concello de Ponte Caldelas comezou o pasado martes co pintado da avenida de Vigo, na nova rotonda da fonte do chafarís e aredores da Praza de Abastos. Desta maneira, este xoves rematarán as labores de pintura e a avenida de Vigo quedará así coa súa ordenación viaria definitiva. Así, esta rúa será de sentido único de saída dende o cruzamento con Rosalía de Castro.

Por outra banda, gañará espazo para case 200 prazas de aparcamento en batería ata a ponte vella. Os residentes nos últimos edificios da avenida de Vigo poderán circular en dirección centro polo paseo do río.

Estas variacións débense, anuncian dende o Concello de Ponte Caldelas, á detección dun aumento no número de visitates. O alcalde, Andrés Díaz, indica que a política municipal de facilitar o aparcamento na vila cobra especial sentido unha vez que entre en funcionamento a Estación Termal, que vai supoñer un polo de atracción e, polo tanto, un aumento da circulación de automóbiles nas rúas. Por isto, según afirma o alcalde, queren "realizar cambios para resolver os problemas de aparcamento a partir da realidade física da Ponte Caldelas actual". Por outra banda, o Concello tamén traballa na habilitación de dous aparcamentos na contorna do instituto e detrás da ludoteca pero, estas obras, que prevese que habilitarán 400 prazas, aínda necesitarán de máis tempo para comezalas.

Ademais destes cambios, cortarase o tráfico na rúa Marín, polo que a praza de España será de carácter peonil. Os residentes terán que saír por diante da Casa da Cultura.

Con respecto a esta última alteración, afirman dende o goberno que era unha medida necesaria pola "ocupación civil" deste novo e gran espazo urbano polos nenos e as familias. Deste xeito, a praza de España verá moi reducido o seu tráfico, xa que so chegará dende a rúa Rosalía de Castro, incluídos os buses escolares, que so dispoñen deste itinerario de saída.

Comentarios