O Concello recoñece o labor da SCD Ponte Caldelas coa Escola Deportiva e co equipo feminino

O Goberno triparito tamén destaca o impulso dos investimentos no campo de Chan da Barcia

Partido da SCD Ponte Caldelas femenino disputado a pasada tempada en Chan da Barcia. RAFA FARIÑA
photo_camera Partido da SCD Ponte Caldelas femenino disputado a pasada tempada en Chan da Barcia. RAFA FARIÑA

A Sociedade Cultural e Deportiva de Ponte Caldelas recibiu 25.000 euros do Concello en concepto de subvención municipal anual ao club e moi especialmente polos gastos de funcionamento da Escola Deportiva e do equipo feminino.

O alcalde, Andrés Díaz, e o presidente da SCD Ponte Caldelas, Pedro Rodríguez, asinaron o acordo. O Concello mantén así a súa aposta polo club local, nas distintas categorías, e premia o bo funcionamento do equipo feminino, creado hai dúas temporadas co apoio municipal.

O Goberno local caldelán manifesta desta forma o apoio á igualdade no deporte. Sen embargo, o groso da subvención atende os gastos da Escola de Fútbol de Ponte Caldelas, que acolle a 300 rapaces de Ponte Caldelas, A Lama e Fornelos, polo que goza dun carácter comarcal e suple a inexistencia desta opción nos concellos da contorna.

O tripartito tamén destaca o impulso dos investimentos no campo de Chan da Barcia, onde este ano vaise proceder á substitución da herba sintética, cumprindo cos compromisos co club. O terreo, un dos primeiros da provincia, contará así cunha superficie homologada cos actuais estándares e cunha vida útil estimada de 20 anos. O investimento previsto está ao redor dos 150.000 euros. As melloras teñen sido unha constante nos últimos tres anos, nos que se acometeu a cuberta do bar e a churrasqueira, o peche de lona, a rede de 6 metros para evitar a perda de balóns, os novos cadros eléctricos illados e protexidos, as reparacións nas placas solares do subministro de auga quente e Internet por fibra óptica.

Trabajos de mantenimiento realizados en Chan da Barcia
Traballos no campo de Chan da Barcia

Comentarios