O Concello reformará de xeito integral a nave de piragüismo de Combarro

A actuación terá un orzamento de 50.000 euros e inclúe a mellora da accesibilidade, a renovación da planta baixa e a ampliación da superior, así como novas oficinas e espazos de almacenaxe
A edil Marga Caldas reuniuse cos representantes dos clubes da zona para abordar o proxecto.
photo_camera A edil Marga Caldas reuniuse cos representantes dos clubes da zona para abordar o proxecto. DP

Os clubes de piragüismo da contorna de Combarro verán cumprida a demandada mellora da nave de Combarro. A Concellería de Deportes de Poio, tras unha reunión cos representantes do Club de Piragüismo e da Escola Marítima de Combarro, confirmou que actuará nestas instalacións cun importe de 50.000 euros, para ampliar e mellorar a loxística do espazo, "tendo en conta as necesidades e inquedanzas que nos trasladan os clubes", asegurou a edil, Marga Caldas.

Unha das cuestións nas que se fará fincapé será a mellora da accesibilidade. Tal e como explicou Caldas, habilitaranse novos aseos para persoas con mobilidade reducida e tamén se dará resposta a cuestións de almacenaxe. Neste sentido, o proxecto contempla que na planta baixa se aumente o espazo para o almacenamento de embarcacións, mentras que o ximnasio tamén será obxecto dunha importante mellora. A actuación completarase coa ampliación da primeira planta e a dotación de novas oficinas, das que poderán facer uso os clubes.

Os traballos para reformular a nave de Combarro, tal e como sinalou a concelleira de Deportes, serán custeados a través do Remanente de Tesourería resultante da liquidación do exercicio de 2021.

AMPLIACIÓN EXTERIOR. De cara ao futuro, a concelleira de Deportes tamén confirmou que a intención do Concello é levar a cabo unha ampliación da parte exterior da cuberta da nave. "Con esa obra queremos dar resposta a outra das peticións que nos trasladan os clubes, xa que lles permitiría deixar a resgardo os remolques e o material que utilizan habitualmente para adestrar e competir".

Neste sentido, a titular de Deportes lembrou que a Administración local xa ten proxectada esta actuación, se ben neste momento atópase á espera de que Portos de Galicia valide a concesión demanial, aprobada hai uns meses polo Pleno da Corporación, e que é necesaria para poder levar a cabo os traballos na zona esterior da infraestrutura. "Mentres tanto, imos avanzando en actuacións que non dependen de Portos, co obxectivo de provocar os menos prexuízos posibles aos e ás deportistas", e como é o caso das obras no interior da nave xa anunciadas, explicou Caldas, e que aglutinan parte das demandas realizadas polas entidades deportivas que utilizan o espazo.

Comentarios