O Concello de Poio reparte os primeiros 50 novos composteiros individuais

O Goberno local tramitou a adquisición de 800 destes elementos con aireador, que se recibirán en lotes de 200 ? Os destinatarios participaron nunha charla
undefined
photo_camera O edil Julio Casás (esquerda) durante a entrega dos dispositivos. DP

O concelleiro de Servizos Municipais, Julio Casás (PSdeG-PSOE), fixo entrega este xoves dos primeiros 50 Composteiros Individuais (COINs) a preto de medio cento de veciños e veciñas que tramitaron a pertinente solicitude para dispoñer destes recipientes de compostaxe sobre os que, tal e como lembrou o edil do Goberno local, o Concello tramitou no seu día a adquisición de 800 unidades con aireador, que se irán recibindo en lotes de 200.

A empresa especializada, Berca Group, é a encargada de subministrar estes dispositivos, logo de obter a puntuación máis alta no proceso de adxudicación, ao cal aspiraron un total de seis firmas.

Casás Barral sinalou que a entrega destes COINs levarase a cabo de xeito periódico e escalonado, e que terán preferencia aquelas persoas que xa dispuñan destes recipientes na casa e que solicitaron a súa renovación, así como veciños e veciñas de Poio que xa tramitaran a solicitude.

Neste sentido, o responsable de Servizos Municipais lembrou que a adquisición dos composteiros individuais é totalmente gratuíta e que se poden solicitar contactando coa mestra composteira ou chamando ao 986770001.

Ademais de facer entrega destas primeiras 50 unidades, Julio Casás aproveitou a cita, que tivo lugar no Centro de Formación da Reiboa, para impartir, xunto coa propia mestra composteira, unha pequena charla informativa para explicar a montaxe e o uso destes recipientes. Ademais, o concelleiro socialista lembrou os beneficios que supón a práctica de compostar, tanto no coidado do medio ambiente como a efectos económicos, xa que a través deste proceso redúcese as toneladas de residuos que se envían a Sogama, o que supón unha bonificación do 10% no canon pola xestión de restos urbanos, acadando un aforro de algo máis de 50.000 euros. A charla tamén se centrou en cuestións a nivel loxístico para a instalación dos composteiros, en zonas que teñan un punto de auga preto.

Comentarios