O Concello de Poio reporá o céspede sintético roubado no parque de Saíñas

O Goberno local lamentou "o comportamento incívico dalgúns individuos" e anunciou que as tarefas concluirán en poucos días
A zona do parque infantil de Saíñas afectada polo roubo de céspede sintético. CEDIDA
photo_camera A zona do parque infantil de Saíñas afectada polo roubo de céspede sintético. CEDIDA

O edil de Medio Ambiente de Poio, o nacionalista Xosé Luís Martínez, anunciou que o céspede artificial roubado no parque infantil de Saíñas, en San Salvador, será reposto polo Concello "no menor tempo posible". Deste xeito, os operarios municipais instalarán o tapete naquelas zonas nas que foron retiradas as cuadrículas de céspede polos autores de tal suceso.

Dende o Goberno local aproveitaron tamén para lamentar "o comportamento incívico dalgúns individuos" que, con este tipo de accións, "o único que conseguen é danar unhas instalacións que están a disposición da cidadanía". Os traballos lévanse a cabo para garantir que as crianzas poidan utilizar os aparellos con toda a comodidade e seguridade, xa que o Concello "é consciente" de que se trata dun espazo aberto de lecer para crianzas que é moi utilizado pola veciñanza deste núcleo de San Salvador, polo que aposta por telo a punto "nas mellores condicións". As tarefas, garantiron, concluirán en poucos días.

O roubo do céspede artificial, cuxo autor aínda se descoñece, está a ser investigado pola Policía Local, seguindo unha "pista", tal e como informaron dende o corpo de seguridade, se ben non descartan que o artífice poida ser un veciño ou un visitante. A falta do céspede foi coñecida polas autoridades locais nas últimas horas, se ben estiman que o roubo púidose producir hai arredor de dúas semanas, sen que a veciñanza dera aviso.

ÁRBORES EN SAN XOÁN. Os operarios municipais tamén procederon nos últimos días a completar os traballos de poda e mantemento das árbores situadas na Alameda de San Xoán, nas inmediacións do Consistorio e do Mosteiro.

Trátanse de preto de 20 exemplares de plátanos de sombra, nos que cada ano, de xeito periódico, trabállase nas súas ramaxes, para evitar desprendementos e garantir a boa saúde das árbores. Para poder garantir a seguridade foi preciso restrinxir temporalmente o aceso de vehículos á zona.

Comentarios