O Concello de Poio sinala á construtora como responsable da situación de Mar de Tambo

Mostrou "o seu apoio" ás familias e lembrou que "o ámbito é respectuoso coa contorna"
Urbanización Mar de Tambo, en Chancelas. RAFA FARIÑA
photo_camera Urbanización Mar de Tambo, en Chancelas. RAFA FARIÑA
O Concello de Poio pronunciouse este martes sobre o derribo parcial notificado pola Axencia de Protección da Legalidade Urbanística (APLU) de oito das 16 vivendas situadas na urbanización Mar de Tambo, no lugar de Chancelas (Combarro), e sinalou á empresa construtora, Vigobarro SL, xa desaparecida por quebra, como responsable da situación da urbanización a causa dun "erro" cometido por esta entidade. Cabe lembrar que o Goberno local concedera a licenza para a construción da urbanización e primeira ocupación para as oito vivendas afectadas polos derribos no seu momento, aprobada pola Xunta de Goberno local en 2007.

Segundo a Asociación Veciñal, Cultural e Recreativa de Combarro, a inspección municipal "nunca comunicou irregularidades no desenvolvemento das obras, nin solicitou a súa paralización", ao igual que a Xunta de Galicia.

Neste sentido, o executivo local instou públicamente "ás institucións competentes" a implicarse na búsqueda dunha solución "que non sexa deixar desamparadas a varias familias, moitas das cales contan con crianzas e que de executarse o derribo, quedarían nunha situación complicada da que non son responsables", valoraron este martes dende o Concello, despois de que a AVCR Combarro emitira un comunicado este luns chamando ao Goberno local a convocar un Pleno extraordinario para abordar esta problemática, solicitando tamén ao Concello unha mobilización veciñal de apoio presidida pola corporación municipal.

Aínda que, polo momento, o Goberno local non se pronunciou ao respecto destas demandas, si quixo mostrar os seu "apoio total" ás reivindicacións das familias propietarias dos chalés afectados, e sumouse ás súas peticións para que non se leve a cabo o derribo. Deste xeito, o Concello entende que se trata dun ámbito que "en ningún caso produce impacto algún dende o punto de vista medioambiental, sendo totalmente respectuoso coa contorna" xa que, segundo indicaran con anterioridade os afectados, as oito vivendas pendentes de derribo invaden só dous metros a liña dos 100 metros de costa.

Protesta. Os veciños saen á rúa este sábado
Á espera da notificación de deshaucio e loitando para evitar o derribo dos oito chalés da urbanización. Esta é a situación na que se atopan os propietarios dos inmobles que veñen de organizar un acto de protesta que se levará a cabo o vindeiro sábado 5 ás 18.00 horas, despois de coñecerse que a Aplu xa presentara ante o xulgado o proxecto de demolición parcial de oito dos 16 chalés, abrindo así un periodo de alegacións por parte dos afectados. Na actualidade, o proxecto de demolición está rematado, supervisado e aprobado, polo que a principios de maio quedaba pendente de licitar a obra para executala.

Tras manter unha xuntanza estes días, a AVCR de Combarro decidiu apelar ao apoio do Concello, sinalando á Xunta como responsable de non ter paralizado a obra no seu momento, así como á empresa construtora.

Os chalés afectados polo derribo sitúanse nas inmediacións da PO-308, a pouco máis de medio quilómetro de Covelo, onde non dubidaron en destacar que se "levantan edificios a 20 metros da liña de Costas".

Comentarios