Cinco concellos da comarca de Pontevedra obterán fondos provinciais para recuperar o patrimonio

Financiaranse 53 actuacións en toda a provincia
O cruceiro de Outeda, en Barro. DP
photo_camera O cruceiro de Outeda, en Barro. DP

O departamento de Patrimonio da Deputación de Pontevedra destinará 380.792,89 euros a axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico cultural en toda a provincia. En total financiaranse 53 actuacións en concellos de todas as comarcas.

A partida inicialmente destinada ás subvencións ascendía a 300.000 euros, mais incrementouse en case 81.000 co fin de financiar na súa meirande parte o maior número de propostas.

Na comarca de Pontevedra, as axudas chegan a cinco concellos e superan os 35.000 euros. Barro recibirá 8.946,38 euros (o 55,28% do solicitado), Campo Lameiro 2.966,87 (o 88,84% do que precisa) e Cerdedo Cotobade sumará 7.273,36 euros a totalidade do demandado. Pola súa banda, A Lama accederá a 8.989,80 euros (60,34%) e Poio obtén a totalidade do subvencionable por valor de 7.177,72 euros.

No caso de Poio, a axuda estará destinada á sinalización de lugares en Combarro. A actuación consistirá na instalación de sete paneis na Praza da Rualeira, na Praza do Peirao, na Rúa do Mar, na Praza da Chousa, na Casa do Campo, na Praza de San Roque, e no Paseo das Redeiras, achegando información centrada no uso tradicional destes lugares e con referencias aos cruceiros e hórreos de Combarro, con fotografías antigas do Museo de Pontevedra.

Pola súa banda, Barro destina os fondos ao Cruceiro de Outeda, sen Santa María de Curro, que na actualidade está amarrado por dous cables ao chan que evitan a súa caíd. O Concello sacou a concurso a redacción do plan de restauración e conservación pola preocupación dunha posible caída debido a obras de tendido eléctrico próximas. A intención é identificar as alteracións, estabilizalo con urxencia, aportar o coñecemento do ben, e melloralo.

No caso de Campo Lameiro, búscase mellorar a información con paneis de gran formato sobre áreas arqueolóxicas de grande interese e potencial turístico: os petróglifos de Metabois, os de Chan de Lagoa, de Castro de Penalba e Pedra da Serpe, así como o petróglifo da laxe da Rotea de Mendo. Todos os paneis contarán cun mapa que remita ás outras áreas visitables.

As actuacións para as que se solicitou axuda na Lama sitúanse no lavadoiro da Perdiz, dentro da parroquia de Covelo. O obxectivo non é só evitar a perda definitiva de elementos etnográficos, senón tamén "unha perda da identidade, do carácter orixinal e do valor histórico artístico e etnográfico dos diferentes elementos do patrimonio municipal por obras inadecuadas".

Finalmente, o concello de Cerdedo-Cotobade quere realizar unha mellora e embelecemento do conxunto de lavadoiro e fonte de castro do medio, corrixindo a súa accesibilidade instalando un pavimento duro para o acceso, xa que o actual de terra ten moita pendente e está permanentemente asolagado polas chuvias.

Comentarios