Os concellos da comarca poñen a punto os camposantos

Poio e A Lama completaron un zafarrancho, nas principais instalacións, de cara ás visitas masivas do vindeiro día de Todos os Santos
undefined
photo_camera Interior do cemiterio de San Xoán, en Poio e distintos camposantos na Lama. DP

Operarios municipais traballan na posta a punto dos cemiterios de Poio, de cara ao Día de Todos os Santos. O concelleiro de Medio Ambiente, Xosé Luís Martínez, recorda que, se ben os labores no cemiterio municipal de San Xoán se desenvolven con regularidade durante todo o ano, "é habitual que nos días previos a esta data tan especial, na que moitas persoas se desprazan ata os camposantos para lembrar aos seus achegados e familiares finados, estes traballos se incrementen".

Nos últimos días, o Concello ultima a posta a punto de acondicionamento no interior do cemiterio de titularidade municipal. Con respecto aos xestionados por comisións parroquiais, estas contan coa colaboración da administración parroquial, que está realizando traballos de limpeza nos acesos e proximidades, así como nos aparcadoiros colindantes.

Ademais, tal e como xa é habitual, a empresa responsable da xestión de residuos en Poio, Valoriza, procedeu a reforzar a dotación de contedores de lixo con motivo desta data. Este reforzo tamén afecta aos períodos de recollida das papeleiras.

En Ponte Caldelas, os cemiterios de Caldelas e A Insua implantaron un programa pioneiro que dixitaliza todos os panteóns e os nichos

O Concello completa estas actuacións con dispositivos de control de tráfico para evitar os atascos nesta data tan sinalada.

As tarefas de mantemento dos camponsantos non son patrimonio exclusivo de Poio, senón que toda a comarca realiza este tipo de tarefas. No da Lama, por exemplo, estes traballos contemplaban o reforzo da presenza de contedores e papeleiras e revisaron as conducións de auga e servizos públicos nos cemiterios do municipio co fin de favorecer as tarefas de limpeza que nestas datas acometen os residentes en cada unha das parroquias de cara a ter todo en perfectas condicións para acoller a celebración de Defuntos.

Un camposanto da Lama. DP
Un camposanto da Lama. DP

As brigadas municipais acondicionaron tamén as zonas axardinadas e dotáronse de máis contedores nas inmediacións dos camposantos incrementándose tamén neses lugares a frecuencia de recollida do lixo co fin de que estean en perfecto estado.

Tamén se revisaron e reprogramaron as luminarias das inmediacións dos cemiterios para que permanezan acesas durante máis horas nestes días. Os operarios municipais levaron a cabo labores de reparación de billas de auga, papeleiras defectuosas e procedeuse á limpeza e baldeo con auga a presión en varios camposantos co fin de manter a mellor imaxe posible para estes días.

Pola súa banda, en Ponte Caldelas, os dous cemiterios municipais, Caldelas e A Insua, implantaron un programa pioneiro que dixitaliza todos os panteóns e os nichos, para coñecer en tempo real os propietarios e os difuntos enterrados, o que facilita e axiliza o traballo das funerarias e das familias.

Comentarios