Un concerto solidario no PAAR recollerá alimentos para nenos con intolerancias

A cita, este sábado ás 19.00 horas no Parque da Arte Rupestre, contará con oito actuacións

Os veciños de Campo Lameiro e concellos veciños poderán acudir este sábado pola tarde a unha versión especial dun Concerto Solidario da Candelaria. Trátase dunha cita musical no Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro que ten como propósito a recollida de alimentos para nenos e nenas con intolerancias e alerxias alimentarias e pertencentes a familias en risco social.

Son alimentos que serán doados á Fundación Amigos de Galicia, que se encargará de facer que cheguen a quen os precise. A organización do evento solicita, como entrada, produtos sen glute, sen lactosa, alimentos aptos para diabéticos, sen ovo, sen froitos secos, etc.

Este concerto está organizado a iniciativa particular e dará comezo ás 19.00 horas co monólogo da comunicadora Baia Fernández, Os Afoutes do Canón de Pau, integrantes do grupo A Roda, Foula, Gaiteiros das Rías Baixas, Os Abrentes de Cerdedo, Manoele de Felisa e Entre Aleixos e Vallejos, unha banda creada exclusivamente para este evento integrada por dúas familias con raíces en San Cristovo de Couso.

A cita tamén contará cunha ofrenda á Candelaria repartindo unha candea a cada asistente e explicando as diversas interpretacións que na historia e en culturas alleas se lle deu a este día. Unha chocolatada sen lactosa e sen glute permitirá rematar este evento cun agradecemento aos asistentes a este acto solidario.

Este evento conta coa colaboración do elenco de artistas, así como do Concello de Cuntis que facilita o seu equipo de Protección Civil; de tres bares de Campo Lameiro (O Novo Carocha, Casa Tito e Bar O Peto) que realizarán o citado chocolate sen lactosa e sen glute; María Outón, a responsable do deseño do cartel co que se difundiu o evento; e Xoán Carlos Martínez Mariño, párroco de Cuntis, que proporcionou as candeas para a ofrenda á Candelaria.

Comentarios