Concienciación para manter a rúa libre de excrementos en Ponte Caldelas

O Concello impulsa unha campaña para facer fincapé na necesidade de retirar as deposicións dos cans

Os operarios municipais ultiman esta semana a limpeza viaria de cara á celebración da Festa da Troita. DP
photo_camera Os operarios municipais ultiman esta semana a limpeza viaria de cara á celebración da Festa da Troita. DP

O Concello de Ponte Caldelas está decidido a mellorar a limpeza do centro urbano e para iso está a desenvolver varias iniciativas. Á entrada en servizo dunha máquina varredora o ano pasado e á limpeza de todas as beirarrúas con auga a presión súmase agora unha campaña de concienciación dirixida a algúns dos propietarios de cans, aos que insta a recoller os excrementos.

O tripartito ten recibido numerosas queixas da veciñanza pola actitude incívica dunha minoría dos propietarios destas mascotas e decidiu abordar esta cuestión, cun enfoque que inicialmente é informativo, pero se é necesario darase paso ás sancións. A campaña consiste no pegado de cartelería por toda a Vila co eslogan "Porque pisala non trae sorte". O cartel insta aos donos dos cans a recoller os excrementos. "O can é teu, pero o pobo é de todos", continúa. Máis aínda, "Ter Ponte Caldelas limpa tamén depende de ti". A mensaxe conclúe cun recordatorio da Lei de Protección e Benestar dos Animais de Compañía, que faculta aos concellos a impoñer multas de entre 100 e 500 euros por este tipo de infraccións leves.

O alcalde, Andrés Díaz, subliña que a limpeza non é só unha cuestión do traballo dos operarios municipais. "Os pobos máis limpos son os máis cívicos, é dicir, os que menos ensucian, e dende o Concello temos tamén que asumir un papel divulgativo para recordalo". Díaz está convencido de que a maior parte dos cidadáns son respectuosos, pero a actitude das minorías, neste tipo de asuntos, é máis visible.

Por outra banda, o Concello rematará en poucas semanas a limpeza de todas as beirarrúas, de cara á celebración da próxima edición da Festa da Troita.

Comentarios