Conclúe a vendima no Castelo de Soutomaior con case dez toneladas de uva

Rematan dúas semanas de recollida de uva na fortaleza
Uva albariña. DP
photo_camera Uva albariña. DP

Despois de dúas semanas, a vendima nas catro hectáreas de viñedo do Castelo de Soutomaior finalizou con case dez mil quilos de uva recollidos. En concreto, foron un total de 9.749 quilos, dos que 8.855 corresponderon a uva albariña e 894 son de godello. Tal e como anunciara Carmela Silva, a Deputación adxudicou este ano, de novo polo sistema de poxa pública, a colleita de uva no Castelo á adega Quinta das Eiras.

A oferta presentada pola empresa fora de 1,15 euros (incluído IVE) por quilo de uva albariña e de 0,95 euros (tamén incluído IVE) para os outros tipos (hai que lembrar que o ano pasado, por primeira vez, na vendima as uvas foron separadas por variedades).

O Castelo de Soutomaior, fortaleza da Idade Media que hoxe en día é patrimonio público, foi adquirido pola institución provincial no ano 1982 e os seus viñedos, que ocupan catro das 33 hectáreas de extensión do Castelo, datan do ano 1984.

Comentarios