O Concurso dos Maios de Poio repartirá 6.800 euros en premios

O prazo de inscrición para o evento iníciase dentro de dúas semanas
Un momento da Festa dos Maios celebrada na Seca de Poio. DAVID FREIRE
photo_camera Un momento da última Festa dos Maios celebrada na Seca de Poio. DAVID FREIRE

O vindeiro día 20 de abril abrirase o prazo de inscrición para participar nunha nova edición do Concurso dos Maios, que terá lugar o día 1 de maio, a partires das 11.00 horas, na Praza do Mosteiro. O período para anotarse permanecerá operativo ata o 26 de abril, inclusive, e a tramitación deberá levarse a cabo a través da Sede Electrónica do Concello (concellopoio.sedelectronica.gal).

No caso de optar pola vía presencial, requirirase pedir cita previa. Nas solicitudes deberán constar datos como o nome, enderezo e teléfono de contacto ou correo electrónico da persoa representante do maio.

As bases do concurso foron aprobadas o martes na Xunta de Goberno Local. A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, xa mantivo hai uns días unha reunión con representantes do tecido asociativo e cultural do municipio para informar sobre os detalles do evento.

Nesta edición a contía total dos premios ascende a 6.800 euros. Polo mero feito de participar cada maio recibirá 300 euros e dúas roscas. Con respecto aos premios, repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional.

Nestes cinco subgrupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente.

O xurado estará composto polos membros da Comisión Información de Educación, Cultura e Deportes. O Concello anima á veciñanza a participar no que é un dos eventos máis tradicionais e emblemáticos de Poio e que forma parte da axenda cultural Verbas en Flor.

Comentarios