Construcciones Vales executará o novo vial entre San Antoniño e Valbón

A obra, de 174.000 euros permitirá dotar de saneamento a zona do lugar de Agudelo
Parte do trazado do novo vieiro, que permitirá acceder ao núcleo urbano. DP
photo_camera Parte do trazado do novo vieiro, que permitirá acceder ao núcleo urbano. DP

A Xunta de Goberno local do Concello de Barro vén de completar a adxudicación das obras pertencentes ao proxecto para mellorar a conexión entre o lugar de Valbón e o núcleo de Santo Antoniño mediante a construción dunha nova estrada que cruzará o cauce do río Areal utilizando unha ponte xa existente.

Esta actuación consistirá na execución dun novo vial e da súa total urbanización, coa creación de dous carrís de circulación, de sendas peonís e dos servizos de pluviais, alumeado e saneamento dos que na actualidade, carece gran parte da zona afectada pola nova construción.

Deste xeito, o Goberno local defende que esta será unha obra que permitirá tamén conectar a rede de saneamento do lugar de Valbón coa depuradora, ademais de posibilitar a ampliación da rede deste servizo fundamental en todo o lugar.

O proxecto conta cun orzamento total de 174.986,82 euros e será financiado con cargo á Liña 1 do Plan Concellos 2023 da Deputación de Pontevedra e a empresa Construcciones Vales foi a adxudicataria dos traballos.

O plan de realizar un vial que una a zona interior do municipio co núcleo urbano discorrendo en paralelo coa estrada nacional é unha das apostas do alcalde, Xosé Manuel Fernández Abraldes, que vén dándolle pulo ao proxecto nos últimos anos. Con todo, a idea xa fora lanzada tamén polo exalcalde José Antonio Landín Eirín, no seu periodo de mandato, aínda que non chegou a concretarse.

"Esta obra vai permitir unir os núcleos de Valbón e do Santo Antoniño e vai supor unha mellora moi importante en todo ese espazo. Ademais, inmediatamente despois da obra poderemos chegar co servizo de saneamento a todo o lugar de Valbón", defende Xosé Manuel Fernández Abraldes.

Do mesmo xeito, o vial poderá ter a función de dar unha saída en clave local ao tráfico que doutro xeito discorrería en exclusiva pola N-550, aliviando, deste xeito, a cantidade de vehículos que recorren ao vieiro nacional.

Se ben a N-550 non é fonte de grandes atascos na zona de San Antoniño, o Concello defende, tamén desde hai anos, a necesidade de mellorar a seguridade viaria deste entorno de cara ao tráfico local.

Por outra banda, dentro do paquete de medidas encamiñadas a mellorar a situación en Valbón, o alcalde anunciou recentemente, que lle firxo unha proposta á Axencia Galega de Turismo e á Fundación Juana de Vega que aceptaran acondicionar a parcela pública que hai en Valbón, no cruce das pistas, dentro do Proxecto de mellora da imaxe paisaxística dos Camiños de Santiago. "Vai ser un novo espazo gañado para o uso e goce da veciñanza e das miles de persoas que pasan cada ano polo Camiño", apuntou Abraldes.

Comentarios