Unha construtora de Poio leva 14 obreiros a Alemaña sen cartos nin contrato

Os operarios, que foron requeridos para a construción da infraestrutura de fibra óptica, denuncian "as pésimas condicións de aloxamento" que atoparon ao chegar  Tres deles esperan ser repatriados
Un dos traballadores desprazados a Alemaña pola empresa poiense. DP
photo_camera Un dos traballadores desprazados a Alemaña pola empresa poiense.

"Isto acabará rebentando, aínda non sabemos se nos deixarán aquí tirados ou non", son as impresións de David Deus, un dos 14 traballadores que, tras coñecer a oferta de traballo "por un amigo", puxo rumbo a Alemaña esta semana coa construtora Camsoar SL, unha entidade de recente creación con sede en Poio. A oferta da empresa poiense prometía un salario de 3.500 euros limpos ao mes por dúas estadías de traballo na construción da infraestrutura para a instalación de rede de fibra óptica en áreas rurais do sur xermano, a primeira fase ata o 18 de decembro e a segunda, a partir do 10 de xaneiro.

A entidade mobilizou dúas furgonetas a principios desta semana que partiron de Vigo e da Coruña con destino a Alemaña, o que resultou ser todo un periplo que David Deus, como voceiro dos traballadores, narra aínda estupefacto. "Primeiro a min fixéronme pagar a PCR do meu bolsillo. En principio iamos saír o domingo pero pospuxérono. Avisáronnos con escasas horas de antelación. Prometeran darnos un adianto de 400 euros a todos os que iamos para alá, pero nunca chegou. Ao chegar a Burgos na furgoneta quedamos sen cartos. Fixeron unha transferencia de 300 euros que nos durou ata chegar a Francia. Alí mandaron outros 300 e dixéronnos que un tal Camilo nos esperaba en Alemaña. Mandáronnos unha localización, chegamos ao sitio ás cinco da mañá e alí non había ninguén", narra. O seguinte, foi descubrir que o aloxamento para todos os traballadores era unha casa "en pésimas condicións. Daban ganas de chorar", di. Escombros no pasillo, buracos nas paredes e colchóns sen roupa de cama foron as condicións de vivenda que atoparon. Aínda que a empresa realoxou aos traballadores ante as protestas, tres deles manifestaron a súa intención de volver á casa, debido ás malas condicións. "Dixéronnos que o pagaramos nós", explica Deus. Finalmente, a empresa acordou enviar unha furgoneta "que aínda estamos agardando" para devolver á casa aos tres operarios, que dende ese momento agardan ser repatriados. "Mandáronnos aquí sen cartos, e nin sequera chegamos a firmar ningún contrato", sinala o traballador.

A pesar disto, os 11 operarios restantes comezaron a traballar esta semana "sen contrato. Din que estamos dados de alta pero ninguén cobrou o seu. A un ingresáronlle 500 e a outro 200 euros, pero nada máis. Nin sequera hai ferramentas para facer o traballo, e as condicións esixen facer 100 metros en liña de zanxa ao día, pero ninguén é capaz de chegar a máis de 60. Dixéronnos que se marchamos, temos que pagarlle á empresa. Non hai furgoneta, nin adiantos, nin nada", conta o traballador.

A FCM-CIG fíxose eco da situación dos traballadores no rural do sur alemán e asegura que "Camsoar foi creada hai só dous meses", o que "fai sospeitar que foi creada específicamente para tentar executar un fraude nesta obra". Sinala a Rebeca Pousada e Camilo Leonardo Aguilar Romo (tamén administrador de ECJ Construcciones 2018 SL e do madrileño Centro Geriátrico Los Rosales SL) como empresarios que "poderían ser simples testaferros, ás ordes dunha terceira persoa, Jesús Fariña Calvo".

Comentarios