Conta atrás para iniciar as obras en Ramón Encinas coas que se investirán 715.000 €

A primeira parte dos traballos centrarase na substitucións das tubaxes dos servizos básicos e isto afectará ao tráfico rodado
Rúa Ramón Encinas nunha foto de arquivo. ADP
photo_camera Rúa Ramón Encinas nunha foto de arquivo. ADP

As obras de rehabilitación integral e humanización da rúa Ramón Encinas, en Raxó, iniciaranse en cuestión de días. A actuación, que conta cun orzamento que supera os 715.000 euros, será unha das máis relevantes da parroquia neste mandato e financiarase cos fondos europeos que o departamento municipal de Urbanismo acadou a través do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE). Esta xestión permite cubrir o 80% da contía, mentres que o 20% restante será asumida polo Concello.

A actuación suporá "unha transformación radical dun dos puntos neurálxicos da parroquia de Raxó, pola súa importancia a nivel social, marítimo e turístico", indicou o edil de Urbanismo, Gregorio Agís. Nestes momentos, tal e como explicou está a instalarse a maquinaria e a retirar elementos da rúa para garantir o correcto desenvolvemento dos traballos. A empresa Narom executará estas obras, adxudicadas en decembro. "Sen dúbida este é un paso decisivo para cumprir co obxectivo que nos marcamos na recuperación da fachada costeira de Raxó, que se completará coa reforma do tramo do espazo portuario pertencente a Portos de Galicia, e no que o Concello tamén achega o 30% do orzamento", indica.

Tal e como apunta o Concello, o convenio con Portos para facer realidade o devandito proxecto será aprobado no Pleno ordinario da próxima semana. A obra deberá estar rematada durante o primeiro semestre de 2023, para dar cumprimento aos prazos previstos.

Os primeiros traballos da actuación centraranse na substitución e instalación das tubaxes dos servizos básicos: saneamento, pluviais e telecomunicacións. A partir dese momento, o aceso do tráfico rodado restrinxirase exclusivamente a residentes, por mor das actuacións. "Somos conscientes de que é unha obra complexa e agradecemos a paciencia da veciñanza que se verá recompensada cunha transformación da contorna que garantirá a mobilidade e accesibilidade universal, cunha maior seguridade peonil".

O proxecto prevé a pavimentación, con materiais sostibles e de gran calidade, nunha lonxitude de preto de 300 metros, ademais da creación de dúas zonas exclusivas para peóns, unha na parte máis próxima á praia e outra ás vivendas e locais existentes na zona. Asemade reforzarase a seguridade peonil, dándolle un maior protagonismo ao peóns en detrimento do tráfico rodado, o que tamén incidirá na redución de emisións e da pegada de carbono.

Comentarios